DeportesEnduroÚltima hora

O espectáculo do motor regresa á montaña ourensá co Enduro San Xoán de Río 2025

 

Na fin de semana do 25 e 26 de outubro San Xoán de Río volveu converterse no epicentro do motor galego coa celebración dunha nova proba da Liga Galega da Moto de Campo-Trofeo Café Candelas de Enduro, que regresaba tras o parón do verán con máis forza ca nunca.

O Concello de San Xoán de Río, situado na comarca de Terras de Trives e na Ribeira Sacra, entre a Serra de Castrelo e o Monte Cerengo (a 1.286 metros de altitude), vestiuse de gala para acoller a deportistas e afeccionados chegados de toda Galicia e mesmo doutros puntos de España nunha xornada chea de emoción, natureza e paixón polo motor.

 

 

A cita ourensá foi tamén escenario dunha das principais novidades que a organización incorporou en 2024: o Trofeo Sbike-FOX de Mini Enduro, pensado para fomentar a participación das xeracións máis novas e consolidar o deporte de base. Tras a boa experiencia do pasado ano, a Liga Galega da Moto de Campo mantén esta copa de promoción, demostrando que Galicia ten canteira e futuro no mundo do enduro.

Durante a fin de semana, os riders máis experimentados volveron medir as súas capacidades técnicas e físicas nun percorrido de altura, tanto polo nivel deportivo como pola contorna natural na que se desenvolveu a proba. Cada vez máis pilotos, tamén de fóra de Galicia, súmanse a esta disciplina que combina deporte, turismo e gastronomía, poñendo en valor os enclaves rurais máis auténticos do noso territorio.

 

 

Con estas altitudes, viviuse un enduro nunca mellor dito de altura, nun escenario perfecto que puxo a proba habilidade, resistencia e espírito competitivo.

Agora, a Liga Galega de Enduro continúa o seu calendario con novas citas que, sen dúbida, volverán sorprender por organización, nivel e ambiente.

Fotos cedidas polo Concello de San Xoán de Río.

Back to top button