ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco instala placas fotovoltaicas no pavillón de Calabagueiros

 

Hai uns días comezaba a execución do proxecto de instalación de placas fotovoltaicas no Pavillón Polideportivo de Calabagueiros. As obras, cun custo final de adxudicación de case que 52.000 euros, están a ser executadas pola empresa Sertogal, SL, e contan cunha subvención do 60% de Fondos Feder.

“Os traballos desta instalación fotovoltaica rematarán en poucos días, e consisten na colocación dun total de 90 módulos fotovoltaicos, que xerarán 63.372KWH ao ano, cunha tipoloxía de autocosumo colectivo con compensación de excedentes. Isto significa, na práctica, que as fotovoltaicas están conectadas á rede e que a enerxía que non sexa consumida pola instalación deportiva será inxectada á rede eléctrica e posta a disposición da comercializadora. Ao revés, no caso de que a enerxía producida polos módulos fotovoltaicos non chegue para atender ao consumo do Polideportivo, tomará enerxía da rede.”, segundo informa o Concello do Barco.

Ademais esta administración asegura que “de xeito periódico, a comercializadora fará un estudo de compensación sobre o consumo e os custos. De acordo cos cálculos realizados no proxecto de obra, está previsto que toda a necesidade eléctrica do pavillón quede cuberta con esta instalación fotovoltaica, xa que neste momento o consumo do edificio é de 36.000 KWH ao ano, cunha potencia instalada actualmente de 21 kw, mentres que a da nova fotovoltaica é de 50kw, cunha produción anual de máis de 63.000 KWH”.

A posta en marcha deste proxecto ten como obxectivo “non só o do aforro en enerxía eléctrica, senón tamén servir como exemplo de sostenibilidade e aproveitamento de enerxías limpas para autoconsumo, cos conseguintes beneficios económicos, sociais e medioambientais. Tamén se busca unha redución das emisións de CO2 derivadas da utilización das fontes de enerxía fósil, así como facilitar a integración de enerxías renovables no sistema, a través da xestión da demanda”, asegura o Concello.

Back to top button