ConcellosManzanedaÚltima hora

Suspéndese a tramitación da moción de censura mañá en Manzaneda “ao poder existir causas de nulidade”, segundo o PSdeG-PSOE

O alcalde Amable Fernández presentou un recurso ante o xulgado ao apreciar “varias irregularidades” na presentación da moción entre as que destacan que “dous dos catro asinantes non compareceron de forma presencial, nin se autenticou a súa firma ante o secretario ou o notario, tal e como recolle a lei”

Exterior do Concello de Manzaneda.

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de informar a través de nota de prensa de que o Xulgado número 1 do contencioso administrativo de Ourense acepta a medida cautelar urxente presentada polo alcalde, Amable Fernández Basalo, e “suspende a tramitación da moción de censura, que debía celebrarse mañá mércores ao poder existir causas de nulidade. O xulgado da un prazo de tres días ao Concello e ao secretario para que formulen as alegacións que estimen procedentes, coa advertencia de que, de non facer ningunha manifestación, manterase o resolto neste auto sen necesidade de ditar nova resolución”.

O actual rexedor do municipio presentou fai uns días unha solicitude de medidas cautelarísimas ao apreciarse “numerosas “irregularidades na presentación da moción de censura en Manzaneda. Tal e como recolleu no recurso, a moción presentada o pasado 15 de outubro foi certificada polo secretario alegando que cumpría cos requisitos legais esixidos e permitía a celebración automática do pleno, sen ter en conta ditas irregularidades”, segundo sinala o partido socialista de Ourense.

Tal e como alegaba o alcalde “tívose constancia que dos catro concelleiros asinantes, só dous compareceron de forma presencial ante o secretario para autenticar as súas firmas, sendo os outros dous testimoniados sen a presencia física, nin autenticación notarial segundo manifestacións do propio secretario, polo que non pode autenticar dúas firmas que non presenciou”. No mesmo recurso tamén se recolle que o secretario “recoñeceu expresamente que só dous dos asinantes compareceran, vulnerándose así o artigo 197.1 a) da Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral, que esixe a autenticación de todas as firmas por notario ou polo secretario”.

No recurso tamén se fai fincapé en que a notificación da moción de censura “é totalmente defectuosa e claramente limita o acceso á información, dado que o mesmo día no que se presentou, o secretario procedeu a notificar aos membros do pleno única e exclusivamente a convocatoria da sesión correspondente, sen axuntar o texto íntegro da moción”. Asemade consideran que na convocatoria do pleno “ten orixe un acto nulo de pleno dereito “Ab initio”, que ocasionaría un prexuízo irreparable ao cargo e a institución municipal”.

Dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense celebran que o xulgado acepte a medida cautelar urxente solicitada polo PSOE e reafírmanse en que “as irregularidades na presentación da moción eran notorias, posto que debe acreditarse correctamente as firmas dos asinantes, ben ante o secretario ou ben ante notario, algo que non aconteceu neste caso con dous dos concelleiros”. Os socialistas quedan agora a espera de novos acontecementos.

Back to top button