PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no Parlamento galego que se desbloquee “a aprobación do Plan Básico de Viana do Bolo”

Secundino Fernández, deputado do BNG no Parlamento galego.

 

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno galego a “dar unha resposta inmediata ás centos de alegacións presentadas ao Plan Básico Municipal de Viana do Bolo e a reactivar de forma urxente a tramitación do plan, actualmente paralizada”, segundo esta formación política.

O BNG asegura que “esta inacción da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda arrástrase desde abril de 2024, cando rematou o prazo de información pública. A pesar de ter transcorrido máis dun ano, as centos de persoas que presentaron alegacións sobre cuestións que lles afectan directamente non recibiron ningunha resposta, un silencio que o concello vianés tamén lle reclama á Xunta sen éxito”.

Así mesmo o BNG lembra que Viana do Bolo, un concello da provincia de Ourense con 2.736 habitantes e unha baixa densidade de poboación, carece dun instrumento fundamental para o seu desenvolvemento: un Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Esta falta impide un crecemento ordenado e lastra as súas potencialidades”, indica Secundino Fernández.

A Lei do Solo de Galiza de 2016 creou os Plans Básicos Municipais “precisamente para solucionar a falta de planificación en concellos de menos de 5.000 habitantes. O plan de Viana do Bolo iniciou a súa tramitación e foi aprobado inicialmente en xaneiro de 2024, mais a paralización posterior por mor da falta de resposta ás alegacións mantén ó concello nunha situación de inseguridade xurídica e estancamento”, engade Fernández.

O BNG, “tras recibir a preocupación da cidadanía e atoparse con evasivas tanto do concello como da Xunta, leva agora ao Parlamento galego a necesidade de actuar de forma inmediata para desbloquear un trámite esencial para o futuro de Viana do Bolo e o benestar das súas veciñas e veciños”, conclúe este deputado galegoO.

Back to top button