
AEVA pon en marcha unha nova acción formativa dirixida ao público xeral, con especial interese para comerciantes, profesionais do sector servizos e persoas emprendedoras que desexen mellorar a xestión, a organización e a imaxe do seu negocio.
Baixo o título “Formación en Comercio: Planificación, Xestión Comercial, Organización e mellora do noso espazo comercial e Animación no punto de venda visual, o curso desenvolverase na Academia *Épsilon do Barco de Valdeorras e estará impartido pola especialista Cany Juncal, técnica cunha ampla traxectoria profesional en visual merchandising, escaparatismo e asesoramento a pemes do sector comercial.
Esta iniciativa enmárcase no programa AEVAempregate VII, financiado pola Deputación de Ourense, que ten como obxectivo fomentar a empregabilidade, a cualificación profesional e a dinamización económica da comarca de Valdeorras.
Formación práctica para mellorar a xestión e o espazo comercial
O programa desenvolverase en varias xornadas distribuídas entre o 4 e o 9 de novembro,
-. Do 04 de novembro martes a 07 venres de 15:00 a 17:00 horas.
-.08 novembro sábado: 16:00 a 20:00 horas
-.09 novembro domingo: 10:00-14:00 horas
Durante as sesións, os participantes poderán adquirir ferramentas prácticas para planificar a estratexia comercial do seu negocio, optimizar a xestión con clientes e provedores, e mellorar a presentación e distribución do seu espazo físico.
O contido do curso está dividido en dous grandes bloques temáticos:
• Planificación e Xestión Comercial, enfocado no deseño do ADN de cada comercio, a análise de mercado e a aplicación de estratexias de márketing en liña e offline, xestión de clientes mediante ferramentas CRM e mellora do posicionamento e imaxe de marca.
• Organización e Mellora do noso Espazo Comercial, centrado no deseño, ambientación e distribución de tendas, o uso da cor, mobiliario, iluminación e ambientación, así como a elaboración dunha checklist práctica para identificar oportunidades de mellora.
As prazas son limitadas e a inscrición é obrigatoria a través do seguinte formulario en liña:
👉 https://forms.gle/v2KbCMBqKKVer15Y9
“AEVA continúa apostando pola formación práctica e de calidade como ferramenta clave para fortalecer o tecido empresarial e comercial de Valdeorras, ofrecendo aos negocios locais novas oportunidades para crecer, innovar e adaptarse ás tendencias do mercado”, asegura a organización empresarial.