
A pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco), vén de facer entrega á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense da súa obra Mujer de Azul “Toñita”, un óleo sobre lenzo que representa a superación e a vitalidade das mulleres que afrontan o cancro.
O acto de doazón coincidiu coa presentación oficial da lotaría de Nadal da Asociación de Ourense, xa que a imaxe da obra aparece reproducida en cada participación dos talonarios, acompañada do nome da peza e da súa autora.
Na entrega estiveron presentes o presidente da Asociación, Germán Rodríguez-Saá; a vicepresidenta, Olga Mojón; a xerente, Judit Vega; e a propia artista, Lola Doporto, quen agradeceu poder contribuír a unha causa que coñece de preto e que foi acompañada de familiares e amigos.

A autora explicou que Mujer de Azul – Toñita naceu da súa experiencia persoal como paciente oncolóxica e das vivencias compartidas con outras mulleres durante as súas estadías na planta de oncoloxía do hospital. O cadro, de cores vivas e cheo de enerxía, é unha homenaxe á determinación e á capacidade de superación das mulleres que loitan contra o cancro, simbolizando a vida e a esperanza en cada trazo.

Con este xesto solidario, Lola Doporto reafirma o seu compromiso coa Asociación e coas persoas que atravesan a enfermidade, empregando a arte como canle de sensibilización, acompañamento e forza.
Fotos cedidas.

