
Quiroga prepárase para celebrar o seu patrón, O San Martiño, cun programa que inclúe actos culturais, magosto e música.
Dúas grandes actividades culturais centraranse na fin de semana previa a esta celebración. O venres día 7 a Casa da Cultura acollerá a proxección da curtametraxe Pura, gañadora dos premios Mestre Mateo 2025. A actividade, organizada pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Quiroga; contará coa presentación da obra pola propia directora Carmen Méndez, e unha vez remate a súa proxección, realizarse un coloquio no que tamén participará a directora. A presentación e proxección da curtometraxe, con entrada gratuíta, levarase a cabo ás 20 horas no salón de actos.

O domingo 9 de novembro, o Centro Dramático Galego achegará a Quiroga o seu último espectáculo A Serie Clopen. Trátase da primeira produción propia da compañía que estreou no pasado mes de setembro. Ten como eixo central o circo e como punto de referencia para construír un mundo simbólico que convida á reflexión sobre o momento actual. Acrobacias imposibles, aéreos impresionantes, comedia hilarante, danza, clown e unha historia cativadora son os ingredientes deste espectáculo multidisciplinar que reflexiona, en ton de humor, sobre os retos que ten que afrontar a mocidade nestes tempos de incerteza. As entradas para esta espectacular función que terá lugar ás sete da tarde, xa están á venda ao prezo de 5€ na web ataquilla.com.
O martes 11 de novembro, propio día de San Martiño, e festa local en Quiroga, os actos comezarán ás once da mañá coa celebración dos actos relixiosos, nos que a imaxe do santo homenaxeado recorrerá a zona da praza Maior. Precisamente nesta zona será onde se leven a cabo as actividades desta xornada. Polo mediodía a alborada a cargo do grupo de gaitas local O Recanto. E pola tarde, a partir das sete magosto e viño novo para todos os asistentes acompañado da música novamente do grupo de gaitas O Recanto e do DJ Michel.