
A Asociación Sociocultural Boca do Monte presenta, en colaboración coa Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha nova edición da ‘Xornada Castañeira’, un encontro no que “buscamos socializar poñendo en valor a celebración comunitaria do Magosto no que non faltarán as castañas asadas, con empanada, viño, licores e sobremesas gustosas”, adiantan.
No programa da IX edición que se celebrará este 1 de novembro, Día de Todos os Santos, nos Anguieiros (Quiroga) contarán con interesantes propostas. A partir das 17h haberá un obradoiro de elaboración de cabazas de Samaín para a rapazada, cabazas que despois pasarán a formar parte da decoración do lugar onde se faga o magosto.

A esa mesma hora “visitaremos algunha caniceira das que aínda se conservan na aldea dos Anguieiros onde antigamente se secaban as castañas ao calor das cociñas baixas ou lareiras. Tamén veremos algunha maquinaria das que se empregaban antigamente para sacarlles a casca ás castañas secas”, din dende a asociación, destacando que ás 20h. empezarase a facer lume para asar as castañas e a partir das 21h. “merenda-cea e magosto popular con castañas asadas, sobremesas, viño e licores. A continuación foliada co grupo tradicional Abertal da Rúa”.
