O CIFP A Farixa de Ourense volve situarse entre os centros máis destacados de Galicia nas competicións autonómicas de Formación Profesional GaliciaSkills 2025, grazas ao excelente traballo do seu
alumnado e profesorado.
Ouro en Robótica Colaborativa
Os estudantes Rubén Vázquez Cid e Daniel Prada Rodríguez, titorizados por Manuel Ausín Mourín, acadaron a medalla de ouro na modalidade de Robótica colaborativa, demostrando unha impecable combinación de
recisión técnica, creatividade e traballo en equipo.
Prata en Mecatrónica
Na modalidade de Mecatrónica, o equipo formado por Víctor Martínez Pérez e Alexandre Malingre González, baixo a titorización de Javier Seijo Muras, conseguiu a medalla de prata, nunha das probas máis esixentes e tecnicamente complexas do certame.
Prata en Revestimento e Paneis de Xeso
Na modalidade de Revestimento e paneis de xeso, Jonathan Pérez Díaz acadou a medalla de prata, acompañado polos seus compañeiros Ismael Moreno Morán e Eric Pichardo Caraballo, que tamén amosaron un nivel de excelencia digno de mención. O seu titor, Delio Pousa Rodríguez, destacou polo seu labor constante de seguimento e preparación técnica.

Tamén destacou no eido dos servizos, Mario Moirón Martínez representando ao centro na especialidade de Recepción Hoteleira, acompañado pola súa titora Eva Vaquero Fernández.
A dirección do CIFP A Farixa felicita “a todos os medallistas e participantes, así como recoñecer o compromiso e dedicación dos catro titores -Manuel Ausín Mourín, Javier Seijo Muras, Eva Vaquero Fernández e Delio Pousa Rodríguez- cuxo labor foi clave para o éxito acadado. Do mesmo xeito, expresa “un agradecemento especial ao profesorado do Departamento da Familia Profesional de Actividades Deportivas, pola súa colaboración e apoio constante durante o evento, contribuíndo ao espírito de equipo e á proxección do centro”.

Estes resultados consolidan ao CIFP A Farixa como “referente na Formación Profesional galega, destacando polo seu modelo educativo innovador, a implicación do profesorado e a preparación técnica e humana do seu alumnado”, aseguran dende a dirección o centro, destacando que “o éxito é froito do traballo en equipo, da ilusión e da formación de calidade. Estes logros son un orgullo para toda a comunidade educativa da Farixa”.
Fotos cedidas.