PolíticaÚltima hora

O PP pedirá no pleno do Barco o “arranxo integral e urxente da N-120”

O voceiro municipal do PP do Barco, Antonio Melo, nun pleno anterior./ Foto: A.R.

 

O grupo municipal do PP do Barco volve a levar ao pleno desta Corporación a situación na que se atopa a estrada N-120. Así na sesión plenaria ordinaria de novembro ste grupo político defenderá unha moción para pedir o arranxo integral e urxente desta infraestrutura viaria.

“A N-120 é a principal vía de comunicación entre Valdeorras e Ourense, e o noso único punto de acceso á meseta. A realidade é que esta estrada continúa carecendo nestes momentos duns niveis mínimos de calidade e seguridade viaria. É unha vía, que segundo o último estudo do RACC, a N-120 está entre as tres estradas máis perigosas de España. É a segunda con mais km cun risco elevado ou moi elevado, sendo só superada pola N-630”, tal e como plantexa o voceiro municipal do PP, Antonio Melo, no texto da moción.

Así mesmo, na iniciativa o PP do Barco apunta que “as recentes obras, claramente insuficientes, limitáronse a parchear certos tramos, deixando o resto nun estado igual de lamentable, todo iso ás portas do inverno. Un inverno, coa diminución de visibilidade propia da estación, con menos horas de luz, néboa, choiva etc., sumado a que parte da vía esta en estes momentos sen pintar e que, boa parte do antigo firme ten a pintura nun estado moi deteriorado, fan que conducir por esa estrada sexa un acto moi perigoso. Os incendios sufridos este verán, fai xa máis de dous meses, deterioraron as balizas reflectoras sitas nas marxes da estrada, estando estas a día de hoxe aínda sen substituír”.

Por outra banda, na moción do PP do Barco incídese en que “o adecuado mantemento da N-120 esixe unha planificación integral de conservación e mantemento, fortes incrementos dos orzamentos do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible, e a licitación e realización de obras adecuadas ao estado real da vía, non a un simple lavado de fronte”. Así mesmo este grupo municipal reitera “a necesidade da construción dun terceiro carril no tramo dos Peares, é unha obra pendente e moi necesaria. Nun accidente interveñen tres elementos, o condutor, o vehículo, e a vía. Cando é a propia vía a que deteriora o vehículo, o condutor atópase nunha situación de perigo e indefensión.
Desde este grupo municipal non queremos ser dramáticos, pero somos conscientes que o drama pode sobrevir en calquera momento aos usuarios desa estrada, moitos deles veciños ou familiares nosos”.

Por todo isto a moción conclúe sometendo a votación o acordo de que o Concello do Barca solicite ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible “a posta en marcha de modo inmediato dun plan de sinalización, pintado e reasfaltado da estrada N-120 nas provincias de Lugo e Ourense” a “licitación o máis axiña posible das obras de construción dos novos carrís de adiantamento na estrada N-120 desde Os Peares/Alto da Guitara ata Ourense.

Back to top button