
A situación da sanidade valdeorresa volverá ser obxecto de debate este xoves na sesión plenaria de novembro da Corporación do Barco. O BNG levará ao pleno unha moción “para instar á Xunta a cubrir urxentemente todas as prazas de médicos especialistas do Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras”.
No texto da moción, asinada polo edil nacionlista Manuel Agra, comeza lembrándose que o “Hospital Público de Valdeorras -inaugurado en 1984- supuxo un fito transcencental para a veciñanza da comarca. Un servizo vital para a sanidade pública que foi medrando pouco a pouco ata chegar a ser un pequeno gran hospital. Durante anos era un ente autónomo que ofrecía á poboación -practicamente- todos os servizos sanitarios necesarios. O noso hospital chegou a ter 401 traballadores en plantilla, 62 facultativos médicos, xefaturas de servizo e xerencia”.
Iso mudaba, continúa o texto da moción do BNG do Barco, “o 20 de marzo de 2018 cando o Parlamento galego (só cos votos do PP) aprobou a reforma da Lei de Saúde de Galicia. Valdeorras deixou de ser unha área sanitaria, pasamos a ser un distrito integrado na área sanitaria de Ourense. Comeza, entón, a recentralización do sistema, a perda de servizos sanitarios na comarca e os continuos recortes longamente denunciados. A poboación do rural -a máis envellecida e necesitada de atención- é alonxada da atención hospitalaria. Masifican os hospitais de área o que xera máis listas de agarda e envían os pacientes a centros privados concertados”.
Así mesmo o BNG fala na moción de “desmantelamento progresivo do noso hospital comarcal” o que “obriga á veciñanza do distrito a trasladarse a Ourense -cento e pico quilómetros- para recibir atención sanitaria pública. Todo o anterior coa agravante do mal estado das comunicacións e a escaseza de transporte público desde a nosa comarca a Ourense”.
Apoiándose nese argumentario, o grupo municipal do BNG finaliza a moción solicitando ao pleno do concello do Barco a adopción do seguintes acordos, “instar á Consellería de Sanidade a cubrir urxentemente todas as prazas de médicos especialistas do Distrito Sanitario do Barco, apoiar as reivindicacións e mobilizacións da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, dar traslado destes acordos aos concellos que conforman o distrito sanitario do Barco”.
Moción relativa á reivindicación do día 25 de novembro
Por outra banda, o grupo municipal do BNG do Barco tamén defenderá no pleno unha relativa á reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia machista.
No acordo da mesma piden o respaldo da Corporación para “instar a Xunta de Galiza a adoptar as seguintes medidas: Atender as recomendacións e deficiencias sinaladas polo Consello de Contas no seu Informe de fiscalización das actuacións para a prevención integral da violencia de xénero na Comunidade Autónoma no período comprendido entre 2018 e 2022 e, singularmente, pautar o incremento de persoal, o incremento do orzamento destinado a prevención e sensibilización, a planificación dos procesos de contratación e subvencións con publicidade e concorrencia e a aprobación dun plan estratéxico específico para a loita contra a violencia machista”.
E, en segundo lugar, a “impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM”, así como “reinternalizar no sistema público os centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e blindar a prestación deste servizo con cadros de persoal suficientes para garantir a atención presencial así como aprobar, para a súa posta en marcha no ano 2026, unha axuda periódica específica para vítimas de violencia sexual”.