DeportesEnduroÚltima hora

O piloto barquense Diego Teixeira, 2º en elite no V Hard Enduro Macael (Almería)

 

Diego Teixeira volve ao podio na competición nacional de hard enduro. O barquense era un dos 133 pilotos que participaban na V edición do Hard Enduro Macael, carreira organizada polo Club Deportivo Enducross Macael coa colaboración do Concello, que se celebraba na fin de semana do 1 e 2 de novembro na localidade almeriense, sobre un terreo pedregoso e seco.

Trátase dunha carreira na que participan pilotos de toda España e na que Diego lograba un espectacular segundo posto na categoría elite, só superado polo catalán Eric Miquel, segundo no campionato de España “que corre tamén probas do mundial”, asegura Diego, o que dá mostra do nivel da carreira andaluza que completaba o podio co malagueño Jaime Quilis.

 

 

Con respecto á carreira, Teixeira explica que a zona na que se desenvolveu está nas canteiras de mármore co cal “o terreo é moi escarpado, cheo de pedras e terra caliza”, e que a el deuselle moi ben. “Clasifiquei terceiro na crono, saíndo detrás de Miquel e Jaime que tivo unha caída e puden adiantalo e coller algo de vantaxe”, conta, explicando que aguantou as 3 horas e 10 minutos que tardou en dar dúas voltas ao circuíto, acadando o segundo posto dunha carreira “bastante dura e delicada, tendo que empuxar en moitos sitios e ter coidado coas pedras para evitar tocar con elas e ter unha avaría na moto ou marcarte”, conclúe Diego, satisfeito co resultado.

 

 

Fotos cedidas.

Back to top button