EconomíaEconomíaÚltima hora

Preto de trinta empresarias da provincia participan na xornada “Emprendedoras na Fábrica” no Carballiño

Con esta acción a Deputación de Ourense e AJE impulsan o emprendemento feminino

 

A antiga Fábrica de Papel do Carballiño acollía a xornada “Emprendedoras na Fábrica”, unha iniciativa coorganizada pola Deputación de Ourense e a Asociación de Novos Empresarios (AJE) co obxectivo de “visibilizar, fortalecer e crear sinerxías entre mulleres emprendedoras da provincia”.

O presidente da Deputación de Ourense destacou na inauguración a tripla satisfacción que supón celebrar este encontro, “pola recuperación deste edificio histórico, pola cooperación entre institucións e colectivos, e polo compromiso da Deputación co emprendemento en feminino”. Luis Menor salientou tamén que esta xornada exemplifica un dos piares do goberno provincial: a cooperación. “Queremos ser unha administración aberta e colaboradora, que escoite as demandas da sociedade e responda con axilidade e compromiso”, afirmou. O presidente subliñou tamén a importancia da colaboración coa AJE, “como mostra do traballo conxunto entre administración e tecido empresarial”, e o valor de visibilizar o liderado feminino dentro do movemento asociativo.

Durante o acto, Menor informou dos resultados da recente convocatoria do programa EmprendOU en feminino, que pechou o prazo de solicitudes o pasado 15 de outubro. Presentáronse un cento de proxectos empresariais iniciados por mulleres residentes en máis de 50 concellos da provincia, das cales 74 cumpriron todos os requisitos e recibirán a axuda provincial nas próximas semanas. “O noso obxectivo é ser unha administración áxil e eficaz: en menos de dez días hábiles desde o peche do prazo, todos os expedientes foron comprobados e aprobados pola Xunta de Goberno”, explicou o presidente, quen anunciou que o pagamento das axudas realizarase este mesmo mes.

 

 

A xornada “Emprendedoras na Fábrica” incluíu mesas sectoriais con preto de 30 mulleres beneficiarias do programa EmprendOU, que compartiron as súas experiencias emprendedoras en distintos ámbitos, así como a participación de empresarias de AJE e un obradoiro sobre presenza dixital e comunicación nas novas empresas.

Luis Menor adiantou ademais que a Deputación incorporará a partir de 2026 unha partida anual específica para apoiar as mulleres emprendedoras, garantindo a continuidade destas axudas nos vindeiros exercicios. “As beneficiarias do programa seguirán recibindo cada ano o 50% do Salario Mínimo Interprofesional, sempre que manteñan a súa actividade empresarial”, concluíu ,subliñando que encontros como este “son unha ferramenta esencial para construír redes de colaboración, fortalecer o tecido produtivo e seguir facendo provincia con talento, esforzo e ilusión”.

Back to top button