
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que esta mañá se desprazaba á provincia de Ourense respondía ás declaracións realizadas polo conselleiro de Presidencia da Xunta, Diego Calvo, sobre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, tras reunirse con alcaldes afectados polos arrastres dos lumes forestais este verán.
“O Goberno de España actúa con responsabilidade e dentro das súas competencias. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil intervén sobre os leitos, non sobre os montes, cuxa limpeza e prevención son competencia exclusiva da Xunta de Galicia”, destacaba Blanco.
Así mesmo, lembraba que “nestes momentos, 12 brigadas de Tragsa traballan en Ourense para evitar arrastres e minimizar o impacto ambiental tras os incendios. Estamos a actuar onde debemos e como debemos, con rigor técnico e eficacia, cun investimento de 3 millóns de euros. Pídolle á Xunta que faga o mesmo e deixe de culpar aos demais do traballo que non fai”.
Finalmente, apuntaba que o Ministerio de Agricultura xa pagou 27,8M€ en axudas que benefician a agricultores e gandeiros galegos afectados polos lumes.