CulturaCulturaÚltima hora

A exposición “Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel” recala en Viana do Bolo

Poderá visitarse do 13 novembro ao 12 de decembro na Casa da Cultura, a través dun convenio entre o Concello, Abanca e Afundación

 

O Concello de Viana do Bolo, Abanca e Afundación, a Obra Social de Abanca asinaban está mañá un convenio para amosar a exposición “Destino. Unha peregrinación de Manuel Valcárcel”. No acto da rúbrica, que tiña lugar na Casa Consistorial vianesa, estaban presentes Germán Aurelio García-Ávila Arias, alcalde de Viana do Bolo; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de Abanca en Ourense; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo. A mostra poderase visitar desde o 13 de novembro ata o vindeiro 12 de decembro, de luns a venres en horario de 16.00 a 20.00 h, na Casa da Cultura de Viana do Bolo.

Esta exposición componse de catro peregrinacións en catro países de catro continentes, alicerzándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo sino. Concíbese esta expedición como unha viaxe en espiral de seres humanos unidos e guiados polo destino, na busca de respostas a preguntas universais que nos atinxen a todas as persoas do mundo. Á súa vez, esta exposición realiza a súa particular viaxe polas diferentes localidades de Galicia nas que se mostra dentro do programa “Corrente cultural”.

 

 

“Nesta terra de emigrantes e peregrinos sabemos mellor ca ninguén da importancia vital da viaxe, un percorrido físico que implica, en paralelo, unha reflexión interior sobre os nosos valores, a nosa identidade e as nosas necesidades. Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel fálasenos de familia, de emigración, de envellecemento, de sostibilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que teñen a súa correspondencia no labor social de Afundación, a Obra Social de Abanca, e que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e física de Valcárcel e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor”, din dende a entidade.

Nas catro peregrinacións do fotógrafo galego Manuel Valcárcel fálase de familia, de emigración, de envellecemento, de sostibilidade e de fogar, grandes temas da humanidade que nesta exposición afloran a través da viaxe interior e física de Valcárcel, e das súas potentes imaxes cargadas de emoción, vida e cor.

«Destino» amosa catro peregrinacións en catro países de catro continentes ―O Tíbet, Senegal, México e Galicia―, alicerzándose na fotografía documental como ferramenta narrativa e contando distintas historias unidas por un mesmo sino

Back to top button