ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco solicitará ao ministerio o “arranxo integral e urxente da N-120”

A Corporación barquense apoiaba en pleno por unanimidade unha moción presentada polo PP con esa petición

 

Co apoio unánime do conxunto da Corporación barquense saía adiante no pleno ordinario celebrado na tardiña do 4 de novembro unha moción presentada polo grupo municipal do PP para pedir o arranxo integral e urxente da estrada N-120. “A N-120 é a principal vía de comunicación entre Valdeorras e Ourense, e o noso único punto de acceso á meseta”, dicía na exposición da moción o voceiro municipal popular, Antonio Melo, “a realidade é que esta estrada continúa carecendo nestes momentos duns niveis mínimos de calidade e seguridade viaria. É unha vía, que segundo o último estudo do RACC, a N-120 está entre as tres estradas máis perigosas de España. É a segunda con mais km cun risco elevado ou moi elevado, sendo só superada pola N-630”.

Melo dicía así mesmo que “as recentes obras, claramente insuficientes, limitáronse a parchear certos tramos, deixando o resto nun estado igual de lamentable, todo iso ás portas do inverno. Un inverno, coa diminución de visibilidade propia da estación, con menos horas de luz, néboa, choiva etc., sumado a que parte da vía esta en estes momentos sen pintar e que, boa parte do antigo firme ten a pintura nun estado moi deteriorado, fan que conducir por esa estrada sexa un acto moi perigoso. Os incendios sufridos este verán, fai xa máis de dous meses, deterioraron as balizas reflectoras sitas nas marxes da estrada, estando estas a día de hoxe aínda sen substituír”.

 

 

Ademais Melo referíase a que “o adecuado mantemento da N-120 esixe unha planificación integral de conservación e mantemento, fortes incrementos dos orzamentos do Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible, e a licitación e realización de obras adecuadas ao estado real da vía, non a un simple lavado de fronte”. Así mesmo este grupo municipal reitera “a necesidade da construción dun terceiro carril no tramo dos Peares, é unha obra pendente e moi necesaria. Nun accidente interveñen tres elementos, o condutor, o vehículo, e a vía. Cando é a propia vía a que deteriora o vehículo, o condutor atópase nunha situación de perigo e indefensión.

Ante esta situación, finalizaba Melo, o acordo da moción plantexaba que “O Concello do Barca solicite ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible “a posta en marcha de modo inmediato dun plan de sinalización, pintado e reasfaltado da estrada N-120 nas provincias de Lugo e Ourense” a “licitación o máis axiña posible das obras de construción dos novos carrís de adiantamento na estrada N-120 desde Os Peares/Alto da Guitara ata Ourense”.

 

 

A iniciativa recibía o respaldo tanto do BNG como do PSdeG-PSOE. Así o edil nacionalista Xavier Rocha lembraba as iniciativa presentadas dende a súa formación política, tanto a nivel local como mesmo estatal, en defensa desta estrada, e expresaba o seu apoio á moción.

 

 

Por parte do PSdeG-PSOE, a súa voceira municipal, Margarida Pizcueta comezaba dicindo que “está claro que cando hai unión as cousas funcionan mellor, polo tanto, cantos máis sexamos reclamando, máis voces somos as que estamos alzando. Dende este grupo non imos negar as evidencias, a N-120 nos seus 55 anos de vida non está pasando polos mellores momentos, e independentemente de quen sexa o organismo responsable dos problemas que nos afectan á veciñanza, nós imos estar intentar solucionalo”. E lembraba as “moitas remodelacións que nesa nacional se levan feitas, e case todas por parte de gobernos socialistas xa que nas tres lexislaturas nas que Rajoy estivo no goberno o PP non fixo absolutamente nada”.

Aínda así, Pizcueta facía unha serie de apreciacións e explicaba que hai cousas que están cambiando “porque na provincia de Ourense xa se fixeron algunhas actuacións e nunha conversa co subdelegado do Goberno nesta semana confirmábanos que ían empezar as obras na provincia de Lugo e os usuarios da vía así o viron”. No referente ao terceiro carril, a voceira socialista dicía que xa hai avances, “xa se rematou co estudo xeoténico e dende o ministerio din que esperan ter rematado o proxecto construtivo para a súa aprobación e a posterior licitación. Pero non nos enganemos, os tres grupos que estamos aquí podemos facer que isto sexa unha realidade ou non, porque para iso necesitamos que os orzamentos se aproben, se non se aproban teremos que seguir traendo esta moción en bucle”.

 

 

Na votación, a moción lograba o respaldo da totalidade dos membros da Corporación e resultaba aprobada.

 

Fotos: A.R.

Back to top button