
No marco do programa AEVA Emprégate VII, AEVA organiza un novo taller práctico en liña titulado “Hostalería, atención ao cliente e dixitalización e financiado pola Deputación de Ourense que se celebrará o xoves 13 de novembro, en horario de 9 a 11:30 horas.
A sesión, dirixida a bares, restaurantes, aloxamentos, adegas e profesionais do sector turístico e de servizos interesados en mellorar a xestión dos seus negocios, a atención ao cliente e a súa estratexia dixital, será impartido por Pablo Sanmartín Nogueiras, CEO de DixitalGou e experto en transformación dixital real, quen ofrecerá unha visión práctica e accesible sobre como aplicar a dixitalización de maneira efectiva e adaptada aos recursos de cada empresa. “O noso obxectivo é ofrecer formación realmente útil, centrada na aplicación práctica e nos resultados reais dos negocios. Non se trata de estar en todas as redes, senón de estar ben onde achega valor”, explica.
Entre os temas que se abordarán están como incorporar a dixitalización na xestión diaria do negocio; estratexias para mellorar a atención e fidelización de clientes; ferramentas dixitais útiles para o sector hostaleiro e enoturístico; a importancia de manter unha presenza en liña coherente e profesional… Ademais, “os participantes terán a oportunidade de acceder a mentorías personalizadas, nas que poderán analizar o seu caso concreto co experto e deseñar un plan de acción dixital adaptado ás súas necesidades”, din dende AEVA, subliñando que esta iniciativa busca impulsar a profesionalización e modernización do sector hostaleiro e turístico de Valdeorras, apostando por unha formación próxima, actual e enfocada a resultados tanxibles.
Inscrición: https://forms.gle/AwbgQ8R3jb2LrvSW6