
O vindeiro sábado 15 de novembro ás 20 horas a compañía Redrum Teatro (empresa cultural dedicada á produción e á distribución de espectáculos dende o ano 2009) estreará no Teatro Principal de Ourense o seu novo espectáculo Nas nubes, un texto de José Luis Baños de Cos, que resultou gañador do XV Premio Barriga Verde.
Trátase dunha comedia dirixida a todos os públicos que fala dos cambios que poderá ter na nosa vida a irrupción da intelixencia artificial, combinando distintas disciplinas como a improvisación, os números circenses e a música en directo.

Nas nubes está protagonizado por Xúlio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo baixo a dirección de Alex Sampayo. Completan o equipo Marta Alonso na dirección de movemento; Carlos Álvarez- Ossorio no deseño de iluminación; Davide González no espazo sonoro; Malala Ricoy na asesoría circense; Escenoset na construcción da escenografía e Nicolás Zamorano na construcción dos monicreques.
Trátase do XXI espectáculo de Redrum Teatro e conta coa subvención da Xunta de Galicia mediante as axudas á produción de espectáculos da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como coa colaboración do Concello de Teo.
As entradas con prezos que van desde os 12 euros pódense mercar a través da páxina Ataquilla.com.