DeportesÚltima hora

Presenza valdeorresa no VI Congreso de Xuíces de Atletismo, celebrado en Lugo

Foto: FGA.

 

A Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en Lugo, acollía o 8 de novembro o VI Congreso de Xuíces de Atletismo que resultaba un éxito “tanto a nivel organizativo como participativo, reunindo a máis dun cento de asistentes, moitos deles procedentes de diferentes comunidades autónomas”, tal e como se destaca dende a Federación Galega de Atletismo (FGA). Entre os xuíces presentes había 4 do comité da Delegación Valdeorresa da FGA.

Ao acto de benvida acudía o presidente da FGA, Iván Sanmartín quen estivo acompañado polo tamén presidente do Comité Galego de Xuíces (CGX) Angel López-Montesinos e o Director do Congreso, Eloy Bretal. De igual modo tamén asistían representantes das principais institucións públicas colaboradoras: Javier Vázquez (Xunta de Galicia), Efrén Castro (Deputación de Lugo) así como Francisco Fraga e Antonio Álvarez en representación da USC.

 

Foto: FGA.

 

A nivel organizativo, o congreso desenvolveuse baixo un gran ambiente de aprendizaxe e convivencia, combinando sesións teóricas e prácticas. Durante o mesmo, estiveron intervindo como relatores recoñecidos xuíces internacionais que abordaban temáticas de relevancia, como as últimas modificacións do regulamento internacional ou o control de probas de Trail Running a nivel autonómico e estatal, entre outras cuestións técnicas de interese.

Xa pola tarde o desenvolvemento de diversos supostos prácticos, poñía o ramo a unha edición que se “consolida como un importante referente na formación e actualización do colectivo de xuíces e na que o atletismo galego, é pioneiro”, segundo resalta a FGA.

Back to top button