ConcellosO BoloÚltima hora

Un obradoiro e charlas para inaugurar o Museo da Olaría do Seixo, o 23 de novembro no Castelo do Bolo

 

O vindeiro día 23 de novembro terá lugar a inauguración do Museo da Olaría do Seixo no Bolo, que incluirá a presentación dos resultados da campaña arqueolóxica na olaría tradicional do lugar do Seixo.

Esta escavación foi desenvolvida o pasado setembro co obxectivo de “localizar e estudar a olaría de época moderna e contemporánea no lugar do Seixo, cuxa coñecida cerámica gris tivo unha forte expansión durante centurias”, pola Asociación Científica Sputnik Labrego e financiada polo Concello do Bolo a través de fondos do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MiTEco).

Trátase dunha intervención que forma parte do proxecto “O Bolo: Hub de Iniciativas Sostenibles Municipales”, cuxo obxectivo é converter ao concello do Bolo nun referente da innovación e resiliencia no medio rural cuxos “resultados obtidos foron moi importantes, e por iso pagaba a pena facer unha presentación para divulgalos o antes posíbel á comunidade local”, di Carlos Tejerizo, director da intervención.

 

 

A inauguración deste museo terá lugar no Castelo do Bolo a partir das 16:30 horas e contará cun panel de intervencións que inclúen os resultados arqueolóxicos por parte da Asociación Sputnik Labrego. Asemade, haberá unha intervención por parte de Agustín Vázquez, produtor das réplicas de cerámica que estarán expostas no museo a partir de agora e unha palestra por parte de Francisco Alonso Toucido, experto en cerámica de época medieval e moderna, que contextualizará a importancia do lugar do Seixo no noroeste peninsular.

Para empezar o día o Concello do Bolo organizou para a mañá un obradoiro de cerámica xunto con Antía Caldeiro, onde poderán facerse cerámicas tradicionais como as descubertas no lugar do Seixo. Os
interesados teñen que anotarse antes do día 20 de novembro a través do teléfono de Turismo 606 017 105 ou no correo turismo.concellodobolo@gmail.com. A participación nas xornadas é gratuíta e ata completar aforo, salvo para o obradoiro no que “haberá prazas limitadas e daranse por orde de chamada”, asegura Soledad Figueroa, técnica de Turismo do Concello do Bolo, destacando que “con esta inauguración, queremos apostar por un desenvolvemento integral e sostible a partir da colaboración do concello, a comunidade local e axentes externos que poidan xerar un impacto positivo e duradeiro para o territorio”.

 

 

 

Back to top button