
O libro conmemorativo Trinta historias e un festival. Memorias dun proxecto coral recolle tres décadas de cine, encontros, anécdotas, curtas, documentais e aprendizaxes que conforman a memoria viva dun proxecto colectivo que marcou a identidade cultural de Ourense.
O volume, da autoría de Sonia Torres, foi presentado esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel como testemuña e legado dos trinta anos de historia do OUFF en Ourense. A obra recolle a traxectoria do festival como unha fiestra aberta ao mundo, a través da cal Ourense se proxecta non só como escenario cinematográfico, senón como referente cultural, innovador e de prestixio.
O director artístico Óscar Doviso foi o encargado de abrir o acto, reivindicando con firmeza a importancia de investir en cultura, pois «nunca é un gasto, senón un símbolo de identidade, cohesión e futuro». Destacou tamén como Ourense conseguiu consolidar o festival como unha marca cultural recoñecible tanto dentro como fóra de Galicia, e como este aniversario é a proba do que se pode acadar cando as institucións apostan pola cultura. Por iso, quixo expresar o seu profundo agradecemento á Deputación de Ourense, á Xunta de Galicia, aos patrocinadores, colaboradores e ao valioso equipo humano que hai detrás de cada edición.
Doviso quixo tamén render homenaxe ao labor de tódolos directores que lideraron o festival ao longo destes trinta anos, facendo unha mención especial a aqueles que xa non nos poden acompañar: o seu fundador Eloy Lozano, Luis Rivas Villanueva ou Fran Gayo e Enrique Nicanor, falecidos recentemente. Recoñeceu a súa valiosa contribución ao festival e agradeceu a presenza na presentación de outras persoas que acometeron a labor de dirección: Nora Sola, Beatriz F. Anguiano, José Araújo e César Silva.
Unha obra necesaria ao alcance de todos
A autora do libro, Sonia Torre, foi a encargada de explicar a importancia de que o OUFF contase cunha obra coma esta ao alcance de todos. A pesar de que o festival celebra trinta anos de traxectoria, «non existía ata o de agora unha documentación conxunta e accesible que permitise consultar o que aconteceu en cada edición». Ese foi precisamente o gran reto: recompilar nun tempo récord toda esa información a través da hemeroteca local.

Segundo explicou a propia Sonia Torre, «abordou a escrita do libro desde unha perspectiva xornalística, co obxectivo de preservar a información como base documental accesible para futuras consultas por parte doutros profesionais». A obra ofrece un resumo claro e sintético de cada edición do festival, complementado con recursos como gráficos, táboas, resumos anuais do palmarés e cadernos de rodaxe que recollen as personalidades que visitaron a cidade en cada convocatoria.
Un libro para tódolos públicos que recolle a nosa identidade
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, puxo en valor o traballo realizado ao longo de tres décadas afirmando que «somos produtos da nosa historia, e a partir dela debemos aprender para tratar de facer que o festival sexa cada vez máis grande e implique a máis xente».
Neste sentido, reivindicou que o festival é froito dun traballo colectivo e ademais quixo confirmar o compromiso da Deputación para manter este referente cultural e animou a tódalas institucións e á sociedade civil a unirse a este proxecto «por e para todos».
«O OUFF é símbolo da nosa identidade, da nosa cidade, fundamental na vida da nosa provincia», sinalou Menor, quen lembrou que este ano «notouse no comercio o festival, polo que temos que enraizalo a nivel emocional e tamén económico no noso territorio». Ao fío disto, destacou o retorno económico que supón o festival e que Ourense sexa o lugar escollido para a rodaxe de numerosos filmes.
En canto ao libro, felicitou á autora por «enfocalo a tódolos públicos», asegurando que será un «instrumento clave» para reivindicar a nosa capacidade para sacar adiante un proxecto cultural de tal envergadura como é o OUFF.
O OUFF continuará a programación deste ano coa gala OUFF Escola, que se celebrará o 25 de novembro, mentres xa se prepara para a súa 31 edición, prevista entre o 25 de setembro e o 4 de outubro de 2026.