Na tarde deste xoves 13 de novembro o Instituto de Estudios Valdeorreses presentaba na Casa Grande de Viloira o programa da XIII Semana da Historia de Valdeorras que, tras case vinte anos de parón (en 2006 celebrouse a edición número XII), “volve para quedar”, tal e como expresou o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado.
Baixo o lema “Viticultura e Enoturismo en Valdeorras. Pasado, presente e futuro”, a Casa Grande de Viloira, sede do IEV, acollerá un completo programa que contempla catro datas no mes de novembro. Na primeira delas, o día 20 de novembro ás 20 horas, o enólogo José Luis Bartolomé será o encargado de desenvolver a ponencia “50 anos do plan REVIVAL. A resurrección do godello”. Na segunda cita coa historia, o protagonista será o catedrático de Enoloxía, Manuel Losada, quen falará dos “retos futuros das variedades de Valdeorras” nunha conferencia programada para o día 22 de novembro ás 19:30 horas. O xornalista e historiador Luis Congil desenvolverá a súa intervención “A maravillosa historia do viño en Valdeorras: unha oportunidade de futuro”, o día 26 de novembro ás 20 horas.

Mesa redonda
O broche á esta edición da Semana da Historia poráo a mesa redonda que leva por título “O potencial do enoturismo en Valdeorras”, prevista para o 28 de novembro ás 20 horas, na que participarán o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; o director xeral do Grupo Méndez-Rojo, con adegas nas cinco denominacións de orixe, Juan Luis Méndez; o propietario de Adega Algueira e restaurante O Castelo, Fernando González; o xerente de Bodegas Ladairo, Víctor Manuel López; e o xerente da adega e restaurante Cova da Xabreira de Seadur (Larouco), Simón Val.

Tal como explicaron na presentación, ao remate de cada xornada, os asistentes poderán participar nun debate e na degustación de viños da D.O. Valdeorras, acompañados de petiscos tradicionais.
Este proxecto recibe o apoio da Axencia de Turismo de Galicia, que tamén colaborou noutras iniciativas recentes que o IEV puxo en marcha, como o XII Concurso de Fotografía Manuel Blanco Pascual, o II Concurso de Espantallos, e o Acto de Irmandamento do IEV e o Instituto de Estudios Bercianos.
