Cuevas Marrón Glacé, situada no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, recibía esta mañá a visita da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen, acompañada por representantes desta empresa, salientaba o compromiso do Grupo Cuevas pola innovación e a transformación de produtos agroalimentarios na nosa comunidade.
Durante o seu percorrido polas instalacións, no que tamén estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, recoñeceu o traballo desenvolvido por esta empresa dende a súa creación no ano 1944 e salientou a súa aposta decisiva polo Marrón Glacé, converténdose na década de 1980 en pioneira na produción masiva desta elaboración doce e outorgándolle valor engadido ás castañas. Así, na actualidade está plenamente consolidada na elaboración de produtos derivados da castaña, con presenza en máis de 30 países.
Neste senso, destacou o liderado de Galicia neste ámbito, xa que aquí se producen máis da metade das castañas de todo o país e somos a principal rexión de España en produción e exportación deste alimento. Ademais, as empresas galegas, tanto de primeira como de segunda transformación, compiten internacionalmente.
De feito, a comunidade conta coa Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, un selo de calidade específico para esta produción, que conta cunha superficie inscrita de 1.397 hectáreas e 170 produtores adheridos.
Por parte do Goberno autonómico procúrase impulsar e aproveitar esta potencialidade a través da posta en marcha do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña. Este plan está constituído como unha folla de ruta para a recuperación dos soutos tradicionais e a dinamización dun recurso clave tanto para a economía rural como para a biodiversidade.