
O Movemento Sumar Galicia celebraba este sábado 15 de novembro no Multiusos do Barco un encontro aberto coa veciñanza no que se abordaba “a crise de vivenda, o deterioro da sanidade pública e a falta de impulso económico que sofre a comarca, tres problemas que”, ao xuízo da organización, “evidencian un abandono prolongado por parte da Xunta de Galicia e comprometen seriamente o futuro do territorio”.
Durante o acto falábase de que nas vilas máis poboadas, como O Barco, A Rúa ou Vilamartín, os alugueiros “alcanzan cifras inasumíbeis para a maior parte das familias, mentres que nas aldeas predominan as infravivendas e a falta de servizos básicos, o que impide que a poboación poida permanecer ou regresar ao rural en condicións dignas”.
Paulo Carlos López, portavoz nacional da organización, sinalou que “non se pode falar de futuro para Valdeorras se a xente non pode vivir nas vilas polo prezo dos alugueiros, nin nas aldeas porque non existen servizos básicos nin vivenda digna. Este é o resultado da falta de planificación e da ausencia absoluta dunha estratexia da Xunta para garantir dereitos no rural”.

A organización vinculou directamente a crise de vivenda coa falta de oportunidades e, especialmente, servizos da comarca, lembrando as mobilizacións das últimas semanas nas que se pide un pneumólogo fixo no Hospital Público de Valdeorras. Movemento Sumar Galicia considera que “a falta de especialistas, a fuga de profesionais e o deterioro asistencial responden ao mesmo patrón de abandono institucional”.
Para Paulo Carlos López “sen servizos públicos non hai futuro no rural. Se non hai médicos suficientes, se non hai atención especializada e se a poboación sente que a súa saúde non é unha prioridade; se non hai oportunidades formativas; o resultado é sempre o mesmo: despoboación e desesperanza. O que está a facer a Xunta con Valdeorras é abandonar á súa sorte un territorio que leva décadas pedindo o mínimo imprescindible”.
Movemento Sumar Galicia reclamou tamén que o Goberno galego asuma dunha vez a necesidade de impulsar un plan serio de dinamización económica para Valdeorras.
Fotos cedidas.
