CulturaCulturaÚltima hora

As máscaras petitorias protagonizan o I Encontro de Entroidos do Sur de Pontevedra

Tras unha mesa redonda na que analizaban as figuras dos Currumiños de Mos, dos Vascalleiros de Bueu e dos Mudados e Perriñas de Ribadetea, na tarde do 8 de novembro as máscaras tomaban as rúas de Bueu

 

Coa chegada do Entroido en lugares como Mos, Ribadetea (Ponteareas) e Bueu  era tradición que unhas figuras enmascaradas saísen á rúa cun fin claro: pedir xa fose alimentos ou cartos. Arredor delas xiraba a mesa redonda que o 8 de novembro abría o programa do I Encontro de Entroidos do Sur de Pontevedra, que se desenvolvía no Centro Social do Mar do Bueu.

Eses enmascardos eran os Currumiños no caso de Mos, sobre os que afondaba Ismael Pato; os Vascalleiros de Bueu dos que falaba José Manuel Dopazo e as Perriñas e Mudados de Ribadetea (Ponteareas), neste caso da man de Jonathan Zúñiga. A mesa redonda estaba moderada por Hadrián Román.

Aínda que con similitudes na súa esencia, cada un destes personaxes presentaba particularidades, tal e como expoñían os relatores. Así, os Currimiños non só ían pedindo polas casas, sobre todo cartos, ovos ou doces propios desa época, senón que tamén entraban nos domicilios, remexían neles, bailaban e mesmo se metían coa xente, facéndolles burlas, pero sen pegar, a diferenza, por exemplo, dos Mudados da Illa de Ons que dan vareazos. E se a casa non daba nada, poñíanlle unha folla de verdura na porta, na ventá ou no buzón.

 

 

Pola súa banda, os Mudados de Ribadetea o que fan é pedir “perriñas”, non falan absolutamente nada, unicamente din “perriñas” para pedir cartos polas casas. Poden ir ata en tractor e mesmo hai algunha referencia de que podían realizar algún tipo de representación. Cobren o rostro cun trapo, igual que os Currumiños, visten roupa vella e manteñen un patrón similar, pero nin falan nin interactúan, e se se senten atacados poden defenderse co pau.

Unha indumentaria parecida é a propia dos Vascalleiros de Bueu, se ben o xeito co que esconden o rostro pode variar. “Atopei multitude de posibilidades para tapar a cara, dende un trapo, que era moi habitual, ata unha media, ou mesmo o cartón dos almanaques, facíanlle os ollos, a boca, pintaban o nariz e mais un bigote.
E nas zonas máis pobres nas que non tiñan nin sequera cartón, pintaban a cara coa borralla, de negro”, explica Jose Manuel Dopazo. “E a que me pareceu máis interesantes das máscaras, que é a que recuperei para esta saída era con vexiga de porco”, engade.

O Vascalleiro pegaba se sentía atacado, é dicir defendíase, xa que nalgunhas aldeas tirábanlle terróns de terra con herba, canos do millo… “Os que acostumaban meterse con el eran os nenos, por iso o vascalleiro levaba unha vara para defenderse”, explica Dopazo.

A mesa redonda concluía cun interesante coloquio co público presente, que preguntaba cuestións concretas dos Entroidos aborados e, especialmente, sobre a figura do Vascalleiro.

 

 

Xa pola tarde, arredor das 16:30h., as figuras de Entroido de diferentes puntos da provincia de Pontevedra saían polas rúas de Bueu: dende o Centro Social do Mar ata a carpa dos Xardíns Urbano Lugrís. Había Vascalleiros e Currumiños, que interrelacionaban con bromas coa xente, e unha chea de Madamas e Galáns de Cobres que bailaban e tocaban.

Fotos cedidas: as da mesa redonda son de Iván Lozano e as das máscaras de Maka Arca.

 

 

Back to top button