CulturaCulturaÚltima hora

A ensaísta Coral Herrera achega a Trives a súa “Revolución amorosa” no 25N

Dará unha conferencia no Auditorio Xulio Vázquez o 25 de novembro ás 17h.

 

O vindeiro martes, 25 de novembro, con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres, o Auditorio Xulio Vázquez da Pobra de Trives acollerá ás 17:00 horas a charla “A Revolución amorosa e outras formas de quererse”, da escritora, ensaísta e comunicadora feminista Coral Herrera Gómez, unha das voces máis recoñecidas do pensamento feminista contemporáneo.

Herrera, doutora en Humanidades e Comunicación Audiovisual pola Universidad Carlos III de Madrid, é un referente internacional na análise crítica do mito do amor romántico e na procura de novas formas de relación baseadas na igualdade, o respecto e a liberdade afectiva. O seu traballo combina a investigación académica coa divulgación social, e pon o foco nas raíces culturais e estruturais da desigualdade e da violencia machista.

Autora de títulos fundamentais como “Mujeres que ya no sufren por amor”, “Hombres que ya no hacen sufrir por amor” ou “El contrato amoroso”, Coral Herrera propón unha auténtica revolución afectiva: repensar o amor para construír vínculos máis libres e colectivos, afastados dos modelos tradicionais que perpetúan a dependencia e o sufrimento emocional.

Esta actividade enmárcase dentro da programación municipal polo 25N, impulsada polo Concello da Pobra de Trives, e busca fomentar a reflexión e o debate sobre a igualdade, a liberdade e as violencias que persisten nas relacións persoais e sociais.

A entrada é libre ata completar aforo.

 

Back to top button