EconomíaEconomíaÚltima hora

‘A Fonte’ unha nova cafetería-xeadería con vistas ao Malecón, no Barco de Valdeorras

 

O Barco de Valdeorras conta xa cun novo establecemento de hostalaría que vai moito máis alá dunha simple cafetería. No fondo da rúa da Estación, con vistas ao paseo do Malecón, está ‘A Fonte’, un novo concepto de restauración que abría as portas na tardiña do martes 18 de novembro coa idea de cubrir un baleiro e unhas necesidades que había na vila.

O debuxo dunha ra como un guiño a “ese espazo do Barco tan noso (a fonte da ra de pedra preto do quiosco) que todos coñecemos e lembramos e no que de feito quedamos moitas veces”, dá a benvida a un local duns 260 metros cadrados moi ben aproveitados.

 

 

Está principalmente orientado a cubrir o servizo dos almorzos e as merendas “xa dende as 8 da mañá con todo tipo de tostadas, dende as típicas de xamón con tomates ata outras máis elaboradas con burrata e tomatiños con pesto; con aguacate, queixo fresco e xamón;… un ampla variedade para os máis tradicionais pero tamén para os que queren cousas máis novidosas”, explica Manuel Martínez, un dos xerentes e responsable tamén de El Muro del Malecón, en pleno paseo e máis orientado á tarde e noite, que unía ideas e traballo ás de Javier Brasa, outro empresario do Barco vencellado á fotografía, para embarcarse neste novo proxecto, un establecemento cun horario moi amplo.

 

 

‘A Fonte’ estará aberto de 8 a 23 horas de martes a venres; o luns estará pechado por descanso; e sábado e domingo abrirá de 8 a 14:30 e de 16 a 23 horas “para coller o horario da Casa da Cultura que está enfronte, para a xente que quere uns flocos de millo, gominolas ou bebida (snacks para o cine e teatro). Almorzos e merendas pero tamén tomar un viño ou unha caña e se queres comer unha tostada. O que hai na carta vaise poder pedir en todo o horario do local”, di Manuel, engadindo que tamén terán cuncas con iogur grego e cereais ou froitos vermellos e por suposto unha gran variedade de bolería, dende donuts ata xuxos, todo tipo de croisants (de pistachos, integrais,…), bocadillos tipo pulga (vexetais, de xamón, xamón cocido e queixo…), etc. “Todo o que un se pode imaxinar témolo e o bo é que podes ir pola mañá e tamén pola tarde e ao mediodía”.

 

 

Un  apartado importante é o da xeadería que decidían incluír “porque no Barco non hai ningunha como tal na que poder comer un gofre con xeado, unha torrexa, un crep, un batido, un smoothie,… teremos todas as variantes que pode ter unha xeadería no centro dunha cidade. Pensamos que é algo que fai falta”, di Manuel.

Con todo, van moito máis alá e, aproveitando a amplitude do local, teñen tamén despacho de pan tanto rústico galego como de especialidade. “Teremos o tipo fogaza máis pequeno con sementes, outro de avelá e améndoas e máis adiante un de cabaza e seguramente un de remolacha que serán máis ben por encargo para garantir que o vas ter se o queres, sen esquecer as típicas roscas e baguette rústica”.

 

 

Nunha terra vitivinícola como é Valdeorras, na ‘Fonte’ non podía faltar un espazo adicado ao viño, de momento de catro adegas (Roandi, Viñaredo, Viños Barco e Alán de Val) á venda tamén en estuches para agasallo. “Tamén teremos outro tipo de detalle como as propias tazas de infusión das que servimos no local, por exemplo”, aseguran.

E completando o espazo deixaron unha zona duns 30 metros cadrados para os nenos. “É como un cuarto de casa con céspede artificial, baúles para a chaqueta e o calzado e cheo de xoguetes mentres os maiores  toman algo tranquilos sabendo que están ben e entretidos”, conclúen Manuel e Javier, agardando que teña boa acollida.

 

 

Fotos: O SIL.

Back to top button