Entre as persoas asistentes á manifestación en defensa da sanidade pública no Distrito de Valdeorras que tiña lugar esta tarde de 22 de novembro no Barco estaba a portavoz nacional, Ana Pontón, acompañada de representantes galegos e do oriente ourensán desta formación política. Pontón criticaba ante os medios ao Goberno de Alfonso Rueda e a súa política “de recortes e privatizacións na sanidade pública que traen como consecuencia o desmantelamento do hospital comarcal de Valdeorras e listas de espera non só no propio centro hospitalario, senón na atención primaria de toda a comarca, onde hai que agardar até para acudir ao médico ou médica de cabeceira”.
“Hoxe estamos aquí para defender xunto aos veciños e veciñas da comarca de Valdeorras o dereito á saúde que teñen as persoas, vivan onde vivan”, explicou, para denunciar a continuación os “recortes constantes” na sanidade da comarca desde que se desmantelou a súa área sanitaria e que están provocando o incremento das listas de espera. Algo, alegou, que recoñece “o propio Sergas, que acaba de cifrar nun 44% o incremento das listas de espera en cirurxía”.

Pontón recriminou ao Executivo do PP “o desmantelamento non só do Hospital Comarcal de Valdeorras” e incidiu “nos recortes que tamén aplicou na atención primaria dunha comarca que, ademais das listas de espera para acudir ao médico ou médica de cabeceira, tamén carece de pediatras nos centros de saúde. Non pode haber nenos e nenas de primeira e nenos e nenas de segunda”.
Así mesmo indicaba que “desde o BNG, o que lle dicimos ao señor Rueda é que xa abonda duns recortes e privatizacións na sanidade pública que están poñendo en risco o dereito á saúde das persoas”. A líder nacionalista reafirmou o apoio do Bloque ao “clamor dunha veciñanza que está farta de recortes, de privatizacións, de ver como se está xogando coa súa saúde e que reclama un maior investimento público e un compromiso coa sanidade do noso País”.
Finalizaba Pontón indicando que “a sanidade pública é o único que nos garante ser iguais ante a enfermidade e o que leva feito nestes 16 anos o Partido Popular é converterse nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas por ideoloxía, porque o que quere é deteriorar o público para beneficiar a privada”.
Fotos: Carlos G. Hervella.