Na tarde deste domingo 23 de novembro Xantar 2025 pechaba as portas da súa 26ª edición poñendo fin a catro días de intensa actividade, traballo e confraternización nos que 75 expositores deron a coñecer os seus recursos turísticos e gastronómicos e durante os que o Mercado Enogastronómico foi a principal novidade e punto de encontro grazas aos concertos diarios.
Xantar 2025 contou cun programa con máis de 142 actividades repartidas en 2 aulas gastronómicas, 1 aula de cata e unha aula dedicada en exclusiva ás actividades de Estrela Galicia. Talleres de cociña, degustacións e catas estiveron completas desde o primeiro día ata o último e que contaron cun total de máis de 4.000 asistentes. Rogelio Martínez explicou que “Xantar é xa moito máis que un lugar onde comer ou cear con menús completos e de calidade. É un punto de encontro e de formación”. En total, o salón rexistrou 12.000 visitas durante os catro días de celebración do salón.
O acto de clausura estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que fixo fincapé no papel da dieta galega na lonxevidade dos habitantes de Ourense, provincia que busca converterse nunhas as poucas áreas do Mundo denominadas “Zona Azul” polo seu alto cociente de habitantes que superan os 100 anos con 334 centenarios na actualidade. Tamén participou no acto de clausura a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, quen subliña o compromiso do Goberno galego de dar a coñecer e promocionar “a riqueza culinaria e os beneficios para a saúde destes alimentos extraídos da nosa costa”. Tamén participaron no acto de clausura o presidente da Deputación provincial de Ourense, Luis Menor, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.

Xantar exerceu un ano máis a súa función de plataforma de promoción dos produtos de calidade do agro e do mar de Galicia e nun escaparate que promove a dinamización da contorna rural. De feito, hoxe celebrouse o día dedicado ao concello da Arnoia que foi aproveitado polo seu concelleiro de Turismo, José Manuel Martínez, para lanzar durante o acto de clausura unha alegación sobre a necesidade de seguir investindo no medio rural para garantir a substitución xeracional e para que a agricultura non fose “economía de subsistencia ou autoconsumo” e puidese converterse nun negocio estable xerador de ingresos e fixador de poboación. Doutra banda, Xantar foi tamén o espazo elixido por entidades que representan a destinos moi turísticos de “sol e praia”, como é o caso do Grove, e que utilizan a gastronomía como elemento desestacionalizador da súa oferta turística.
O acto de clausura incluíu unha entrega dunha placa conmemorativa en agradecemento ao apoio prestado durante 26 anos a Carlos Rodríguez, presidente do Consello Regulador da IXP Pan de Cea ata fai un par de semanas.
Hoxe tamén foi o día dedicado aos patrocinadores e colaboradores de Xantar que se celebrou coa tradicional entrega de placas. O evento converteuse un ano máis nun exemplo de cooperación público-privada. Entre os seus principais apoios conta coa administración autonómica (a través do apoio da Axencia de Turismo de Galicia e das Consellerías de Mar e do Medio Rural), entre outras colaboracións como a de Economía Social de Galicia, da Dirección Xeral de Comercio ou da de Educación que facilitou a participación de varios centros de Formación Profesional. Tamén contou co apoio da administración provincial a través da colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do INORDE.

Xantar volve contar co respaldo de grandes empresas do sector alimentario e servizos como o caso de Gadis, Coren, Estrela Galicia, Cabreiroá, Grupo Cuevas e Bricocentro. Tamén hai que sumar o apoio da Deputación de Lugo e de Renfe como tren oficial. Como entidades colaboradoras conta con ANFACO-CYTMA, Green Ambiental e a Praza de Abastos de Ourense.
A participación das expositor “Patacas Jalys” e o seu concurso “DevoraJalys” foron unha das novidades desta edición e repartiron en total máis de 8.000 bolsas de patacas entre as visitas.
Premios Grupo Cuevas
Nesta xornada de clausura entregouse tamén o premio do XIII Concurso Xantar Gourmet organizado polo Grupo Cuevas e que recoñeceu a mellor receita elaborada con castaña. O gañador foi o chef noiés, Marcos Arufe Blanco coa receita “Galicia – Kiev”. Esta receita estivo composta dunha maridaxe entre un milhojas de mazá e a améndoas con base de turrón de castañas e un coctel típico de Kiev que leva caldo de azucre de castañas.
A próxima cita feiral en Expourense será esta mesma semana. Do venres 28 de novembro ao domingo 30, acolle a 9ª edición de ANTIQ AURIA, Feira Internacional de Antigüidades.
