DeportesÚltima hora

Medicións para homologar o circuíto do nacional de marcha de promoción e 10 km máster no Barco

Esta tarde un medidor especialista da Real Federación Española de Atletismo percorría o trazado, acompañado por membros da Delegación Valdeorresa da FGA

 

Contra as dúas desta tarde de 23 de novembro comezaban as medicións do proceso para homologar o circuíto do Campionato de España de Marcha de Inverno de Promoción e 10 km Master, unha proba do calendario nacional da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), que se celebrará o vindeiro 14 de decembro na vila do Barco.

A homologación é un certificado que unicamente emite a RFEA e que garante que unha carreira mide de forma exacta unha determinada distancia. O responsable de homologar este circuíto era Jorge Blanco, xuíz nacional de atletismo de nivel 3 e especialista en medicións (co grao A da World Athletics), que se desprazaba ata O Barco e estaba acompañado por membros da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA).

 

 

A medición do circuíto realízase cunha bicicleta calibrada, que leva acoplado un contador á roda dianteira, que é a que mide. Este contador, matiza Blanco, non mide distancias senón “números, divide a roda en 32 partes, e que aporta unha serie de números que avanzan consecutivamente pero que non se corresponden con ningunha unidade de medida, senón con proporcións de lonxitude da circunferencia desa roda. Para saber a que distancia equivale exactamente esa medición antes hai que calibrar a bicicleta”.

 

 

O proceso realizado no caso do circuíto do nacional de marcha do Barco remataba arredor das cinco da tarde.

Non é esta a primeira vez que Blanco visita O Barco. Xa ten estado na vila en anteriores ocasións para homologar outras competicións do calendario da RFEA que se desenvolven do Barco como é o caso da Milla, e cuxa homologación se renova cada 7 anos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button