CulturaCulturaÚltima hora

O Barco acolle a representación de “Flores de España”, que une memoria, teatro e conciencia colectiva

Forma parte do programa “50 anos de España en libertad” do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática posto en marcha pola Subdelegación do Goberno en Ourense

“Flores de España” é unha obra que integra arte e memoria histórica nun mesmo xesto escénico que se presenta no Barco este venres 5 de decembro, ás 21,00 horas, dentro do programa “50 anos de España en libertad” do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, posto en marcha pola Subdelegación do Goberno en Ourense coa participación do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes e o INAEM (Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música). A entrada é de balde, ata completar aforo.

Creada pola compañía “Los Sueños de Fausto” e estreada en 2015 no Teatro do Barrio, “Flores de España” foise consolidando como un referente do teatro documental e da recuperación das historias silenciadas da España recente. Con dramaturxia de Raúl Quirós, dirección de Miguel Ángel Quirós e interpretada por Rubén Beizo, Ana Xixón, Emi Caínzos e Jesús Rodríguez, a obra percorreu numerosos escenarios de todo o territorio español, sempre cunha gran acollida por parte do público.

A obra estrutúrase en tres pezas que conforman un tríptico teatral, un formato que permite abordar diferentes feridas da memoria española desde ángulos complementarios. Nestas tres partes aparecen elementos simbólicos que funcionan como fío condutor: a terra, o tempo e as flores, símbolos de duelo, esperanza e persistencia. O espectáculo ten unha duración aproximada dunha hora e está dirixido principalmente a público adulto e a mozos a partir dos 14–15 anos.

Flores para os vivos: A primeira parte céntrase nos fusilamentos ocorridos durante a posguerra. Desde a figura dun campesiño executado polo exército franquista, a obra pon o foco naqueles corpos enterrados sen nome e na urxencia de xustiza que aínda perdura. Esta peza fala do desexo de reparación e da necesidade de que os vivos atopen aos seus mortos.

Flores para os estraños: A segunda peza aborda un dos capítulos máis escuros e prolongados da historia recente: o roubo de bebés durante a ditadura e ben entrada a democracia. A través da historia dunha nai e unha filla que buscan a súa identidade arrebatada, evidénciase a ferida aberta de miles de familias que aínda reclaman verdade.

Flores para Enrique Ruano: A terceira parte céntrase no caso do estudante Enrique Ruano, un mozo cuxa morte baixo custodia policial foi encuberta polo réxime. A obra rescata este episodio para mostrar como o aparello político, xudicial e mediático colaborou en ocultar a verdade, revelando os mecanismos de silencio e manipulación que caracterizaron ao franquismo tardío.

“No seu conxunto, “Flores de España” non se limita a recrear feitos históricos: busca provocar unha reflexión viva sobre que significa “lembrar” nun país que aínda carga con debates non resoltos sobre o seu pasado. Flores de España non é só un espectáculo: funciona como un dispositivo cívico que une teatro e conciencia social”, din os responsables da montaxe.

Back to top button