
Andrea Velasco Da Costa, a cantante valdeorresa que representa a Ourense Norte nesta edición do concurso musical ‘Recantos’, volverá subirse ao escenario do Luar, na Televisión de Galicia, este venres 5 de decembro. Será na segunda fase do certame, que comezaba o pasado 28 de novembro, no que permanecen 16 dos 20 concursantes iniciais. Andrea pasaba a primeira fase grazas á súa interpretación do clásico Só lle pido a deus.
A parte do xurado e dos propios compañeiros, o voto do público é determinante para pasar á seguinte rolda cando serán eliminados outros catro concursantes.

Os votos poden realizarse de tres formas:
• Por teléfono, chamando gratuitamente ata cinco veces ao número que aparecerá en pantalla.
• Por WhatsApp, enviando “Voto Andrea” ao número habilitado, tamén ata cinco veces.
• A través das redes sociais, comentando “Voto Andrea” nas publicacións oficiais de Luar en Facebook e Instagram.
O Luar empeza ás 22:30 horas e a actuación de Andrea será arredor das 23:30 horas.
