PolíticaÚltima hora

O BNG do Barco levará a pleno unha moción para crear un Festival de Arte e Música Urbana na vila

Os concelleiros do BNG no Barco./ Foto: O SIL.

 

O grupo municipal do BNG do Barco vén de presentar unha moción para a “Creación do Festival de Arte e Música Urbana do Barco” que se debaterá e será sometido á votación da Corporación local no vindeiro pleno do 4 de decembro.

A moción presentada polo voceiro municipal do BNG no Barco, Manuel Agra, comeza sinalando que este municipio “dispón dunha boa oferta cultural, que abrangue desde teatro ata cinema comercial ou de autor, pasando polas diferentes actividades no verán, como o ciclo de perto. Así mesmo, estas actividades vense complementadas polo SilFest, que inda que é xestionado de forma privada, conta coa colaboración das administracións. A pesar disto, no BNG consideramos que sempre é bo explorar novos camiños e notamos que falta un gran evento gratuíto cando chega o bo tempo e facer mellor uso da zona do río”.

Neste senso, propoñen “a creación dun festival de arte e música urbana para a promoción dun tipo de cultura que hoxe en día non se ofrece no concello. O seguinte festival tería as seguintes actividades: concertos de música hip hop, nu-metal, punk ou urbana, DJ´s, Obradoiro de grafitti. (para isto pódense poñer paneis de madeira contra o muro do malecón para poder realizar grafitti baixo supervisión), Obradoiro de tatuaxe (a diferenza do anterior, non se trataría  dun taller no que os participantes poidan tatuar. A idea deste obradoiro é que o tatuador/a que imparta a clase poida facer algúns tatuaxes en directo a voluntarios por un prezo pechado, explicando aos asistentes a técnica, tintas empregadas, etc.); Concurso de Skate amateur. A levar a cabo no skate park, Concurso de BMX (tamén de modo amateur, os concursantes realizan unha ruta no menor tempo posible. A ruta dende O Castro ata o malecón pasando por Veigadecabo sería unha das candidatas para este concurso) e  Concurso de baloncesto 3×3. A realizar nas pistas de baloncesto das piscinas”.

As datas que se propoñen na moción do BNG para a súa realización serían as de “finais de maio ou principios de xuño” e o escenario a “Zona do río – Malecón do Barco – casco urbano”, cunha duración de 1 ou 2 días.

Na moción tamén de detalle un orzamento. “Debemos considerar que a primeira edición será de tamaño pequeno, pero con idea de que o evento vaia crecendo co paso dos anos e poida pasar a ser xestionado por unha organización coma sucede con outros festivais”, matizan.

Neste senso, o Grupo Municipal do BNG solicitará ao Pleno do concello do Barco a adopción do seguinte acordo: “O Concello do Barco promocionará a creación do festival de arte e música urbana do Barco”.

 

Back to top button