
Como un xeito de “compartir momentos, de colaborar entre todos e de enfeitar a nosa aldea para” o Nadal. Así xurdía a iniciativa de vestir de decoración navideña as diferentes rúas e casas da localidade do Castelo (Rubiá). Está promovida pola veciñanza do Castelo coa colaboración da Asociación de Veciños desta aldea e do Concello de Rubiá.
Este Nadal “con alma rural e enxebre” poderá visitarse a partir do 7 de decembro ás 17h. e ademais haberá chocolatada no bar. Os puntos de decoración, unha ducia, están sinalizados nun mapa de localización incluído nun díptico publicado para a ocasión. “Toda a decoración nace da creatividade da veciñanza que ten traballado moito para engalanar as rúas e os recunchos da nosa querida aldea”, din dende a organización. Ademais resaltan que o realmente se pretende con esta iniciativa é “que desfrutedes todas as persoas que formamos esta comunidade e tamén aquelas que veñan a visitarnos, pero, sobre todo, desexamos que os nenos e nenas do Castelo vivan a maxia do Nadal”.
Neste senso, a veciñanza convida a visitar esta decoración e agradece “a todas as persoas que teñen colaborado con nós e que tamén fixeron posible este proxecto”.
