En portadaÚltima hora

O técnico Agustín Ruiz ponse á fronte do CD Barco de Terceira Federación

 

Seis días despois de que a directiva do CD Barco aceptase a dimisión do adestrador Lino Estévez, un novo técnico poñíase á fronte do equipo de Terceira Federación.

Na tardiña deste luns 15 de decembro Agustín Ruiz tiña a primeira toma de contacto co equipo, dirixindo o adestramento no Campiño de Viloira. Alí, o presidente do Barco, Nilo Ramos, xunto a parte da súa directiva, dáballe a benvida desexándolle sorte nesta nova etapa. “Nesta ocasión trátase dunha fichaxe feita máis coa cabeza que co corazón”, di o presidente, asegurando que se trata dun técnico “moi humilde a quen ninguén lle regalou nada e no tempo que leva adestrando ten demostrando a súa valía nos equipos que dirixiu”, con moitas táboas e experiencia que poden axudar ao equipo a saír da complicada situación na que se atopa.

 

 

Ramos aproveitaba a ocasión para agradecer o interese amosado por moitos técnicos para dirixir o equipo. “Sentímonos abrumados porque non esperabamos esa resposta e alégranos porque iso significa que seguimos importando no mundo futbolístico”, di. Algún tiña que ser o elixido e tendo claro que debía ser alguén que coñecese ben a Terceira galega apostaron por Agustínb agardando “acertar”. A algúns agradécenlle especialmente a sensibilidade que tiveron co club, pedíndolle á afección “tranquilidade” e sobre todo “que confíe no novo adestrador”, pedindo tempo. “Os resultados non poden ser inmediatos pero ao longo das semanas verase o seu traballo con bos resultados”.

Agustín Ruiz (natural do Bilbao aínda que leva moitos anos en Galicia) ten unha longa traxectoria futbolística. Como xogador estivo no Bilbao Atletic de Segunda División e tamén no desaparecido CD Ourense onde estivo boa parte da súa carreira. “Estiven oito anos, tres en Segunda División e cinco en Segunda B, e despois estiven xogando un par de anos en Monforte e Verín pero xa por ocio”, conta, explicando que como adestrador pasou por varios equipos. Dende as categorías inferiores do CD Ourense e da UD Ourense ata a UD Barbadás onde estivo cinco anos moi bos, con resultados espectaculares. Ultimamente coordinaba a base do CD Arenteiro e adestraba un cadete da Liga Galega, ata agora, que se pon á fronte do Barco facendo tandem con Adrián Padrón como segundo adestrador.

 

 

Ruiz asegura que O Barco ten “unha flota de xogadores” e ocasións, pero non gana. “Sacar ao equipo desa dinámica é moi importante, que se sintan capaces e crean que son un equipo capaz de estar máis arriba”. A confianza daranlla os resultados e para iso “hai que buscar a maneira adecuada para que estes xogadores rindan máis, sumando o que a categoría pide. En Terceira hai que estar fisicamente moi ben e iso dará puntos”, di, adiantando que o seu obxectivo será “conseguir o que nos falta e potenciar o que xa temos”.

Fotos: Mónica G. Bellver salvo a última da galería que é cedida.

Back to top button