
Dotar aos terreos forestais, situados en territorios vitivinícolas, de ferramentas e modelos que estimulen a creación de paisaxes preparadas para previr e, na súa falta, recuperarse e reducir as perdas provocadas polos incendios. Este é o obxectivo do proxecto Fire Wine, que promove o Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya (CTFC), e que se enmarca no proxecto europeo Fire-RES de innovación tecnolóxica, para a promoción de paisaxes resilientes e a prevención de incendios forestais en Europa
Esta mañá o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras convertíase no primeiro en asinar un convenio co este selo europeo Fire Wine. A rede Fire Wine traballa coa vontade de compartir experiencias de éxito que permiten mellorar os estándares de calidade e producen modelos respectuosos coa paisaxe, a biodiversidade e a resiliencia da contorna. Estes modelos demostran, a miúdo, ser tamén a mellor opción na loita para frear as consecuencias do cambio climático, tal e como explicaba na Rúa Soazig Darnay, investigadora do CTFC especializada na xestión da paisaxe e do desenvolvemento rural desde 2005, ano da súa instalación na Denominación de Orixe Penedès (Barcelona), e que desde 2021 traballa na xestión do risco de incendio desde as paisaxes agrarias.
Este paso adiante da D.O. Valdeorras non é senón “unha parada máis do camiño que emprendeu estes últimos anos, apostando por proxectos de calidade que enxalzan o valor do pequeno. O máis recente, deuse a coñecer fai nove meses, cando se converteu na primeira denominación de orixe española en ser partner oficial da entidade formativa internacional máis prestixiosa do mundo do viño, a WSET”, segundo indicaba o seu presidente, Marcos Prada.
O centro de investigación
O CTFC é un centro de investigación público adscrito á Generalitat. Ten como obxectivo contribuír á ciencia nos campos da xestión forestal multifuncional, a conservación da biodiversidade, a dinámica e planificación da paisaxe, e a bioeconomía.
É un hub ou centro de operacións de excelencia en investigación e transferencia de tecnoloxía para a sociedade. Conta cun modelo de investigación interdisciplinaria, vinculada ao territorio, cunha clara orientación cara á promoción de modelos de paisaxes multifuncionais máis resilientes #ante os cambios sociais, económicos e ambientais.