PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no pleno provincial que a sede da Deputación en Valdeorras se sitúe na Rúa

Así o sinalaba en rolda de prensa Xosé Manuel Puga, deputado provincial do BNG, concretando que a moción se presentará mañá na sesión plenaria da Deputación de Ourense

 

O BNG levará ao pleno da Deputación de Ourense, que se celebrará mañá no Pazo provincial, unha moción para pedir “a posta en funcionamento dunha sede operativa da Deputación de Ourense” na Rúa, en concreto, no edificio (situado entre as interseccións das rúas Progreso e Benito Fernández”) que inicialmente fora adquirido por esta institución para tal final. Así o aseguraba en rolda de prensa esta mañá o deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, acompañado pola alcaldesa da Rúa, María G. Albert, e polo responsable comarcal do BNG en Valdeorras, Roberto Quiroga.

“Despois de máis de dous anos dende aquela operación, non se realizou ningunha actuación visible no inmoble nin se avanzou na súa posta en servizo, atopándose actualmente pechado, cunha cerca e cun evidente estado de abandono e derrube, ocasionando graves problemas de seguridade”, dicía Puga.

Nestes momentos a Deputación de Ourense xa conta cunha sede en Valdeorras, situada na Casa Grande de Viloira (O Barco), onde tamén se atopan as oficinas dos distintos departamentos da Xunta na comarca, pero o BNG considera que “iso é simplemente un despacho para manter reunións” e piden que “se active unha planificación inmediata para poñer en marcha o edificio rues e convertelo nun verdadeiro centro comarcal de servizos provinciais delegados polos concellos de Valdeorras”.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button