O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acudiu esta mañá ao almacén que o Banco de Alimentos de Ourense ten no Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas para facerlle entrega a esta entidade benéfica dos alimentos non perecedoiros recollidos ata o momento a través do servizo provincial de Emerxencias da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en colaboración con 37 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia ourensá.
Este ano, baixo lema ‘Por un Nadal feliz para todos’ os voluntarios de Protección Civil están a desenvolver unha campaña de recollida de alimentos co obxectivo é colaborar coas familias máis necesitadas. Para elo, emprazaron un puntos de recolección en diversos edificios públicos (Casas do Concello, Centros de Saúde, colexios ou centros socias..), pero tamén en supermercados, tendas e áreas comerciais onde os cidadáns poden depositar os alimentos non perecedoiros, que en dúas quendas serán remitidas ao Banco e Alimentos.
Non se marcan obxectivos cuantitativos na campaña, en canto a número de quilos a recoller, pois o que se pretende é, nunha época tan especial como é o Nadal, colaborar na axuda dos máis desfavorecidos; por iso -destacou o delegado territorial- o labor desinteresado e altruísta das AVPC a prol dos mais desfavorecidos.
“Agardamos polo tanto -concluíu Manuel Pardo- que a nosa pequena aportación, axude ao Banco a formar unha auténtica montaña de Alimentos que trate de paliar as carencias dos menos afortunados e entre todos logremos un Nadal cheo de ledicia para todos”.
As agrupacións participantes
As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) que colaboran na campaña pertencen aos concellos de Allariz, Amoeiro, Avión, Baños de Molgas, Beariz, Os Blancos, Boborás, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Castrelo de Miño, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Entrimo, Esgos, A Gudiña, Gomesende, O Irixo, Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Piñor, A Pobra de Trives, Porqueira, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sarreaus, A Veiga, Vilamarín, Vilardesantos, Vilardevós, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.