EconomíaEconomíaÚltima hora

Showcooking con Estrela Michelin o domingo no Mercadiño de Nadal do Barco

A barquense Noelia Fernández, xefa de Cociña do restaurante La Tasquería de Javi Estévez en Madrid, presentará tres pratos creados para a ocasión xunto a maitre Ana Moya e ao chef Adrián Collantes

A barquense Noelia Fernández, xefa de cociña de La Tasquería de Javi Estévez./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No marco do programa do XV Mercado de Nadal do Barco haberá unha actividade gastronómica moi especial. Trátase dun showcooking de luxo, previsto para o domingo 21 de decembro ás 12h. na sala de exposicións Abanca, que protagonizará a valdeorresa Noelia Fernández Rey, xefa de cociña de La Tasquería de Javi Estévez (restaurante madrileño que conta con 1 Estrela Michelin), acompañada por Ana Moya maitre nese mesmo establecemento, e de Adrián Collantes, chef e propietario da barra de La Tasquería.

Entre os tres deseñaron unha proposta gastronómica sumamente atractiva: dous pratos e unha sobremesa creados especialmente para este showcooking, con produtos valdeorreses e galegos e inspirados na cociña propia da comarca nestas datas festivas.

En primeiro lugar elaborarán “un Panipuri recheo de bacallau cun cremoso de coliflor e cunhas escinificacións de aceite de allada. A hora de idear este prato pensamos en que no Nadal en Galicia comíase o bacallau coa pataca cocida, coa coliflor e coa súa allada, polo tanto este é un dos pratos máis representativos do Nadal en Galicia e por iso imos levar como este pequeno snack para empezar”, comenta Noelia Fernández, moi ilusionada por esta iniciativa que, ademais será o segundo showcooking que desenvolva na súa vila natal, tras o realizado con éxito en setembro de 2022 no marco da Feira de Produtos Artesanais do Eixo Atlántico do Barco.

 

 

A segunda elaboración deste showcooking terá como elemento central o cabrito. “Como no imos levar cabrito ao Barco se en todas as celebracións cómese o cabrito asado! Pero nós, ao traballar onde traballamos non, imos usar esa paletilla, esa perna ou a costela á que estamos acostumados a comer, imos usar a parte máis zumarento do cabrito que é o pescozo do cabrito, e imos quitarlle os osos e facer un rulo, prensámolo e ímolo a acompañar cun cremoso que elaboramos de castañas e pataca galega, que non poden faltar. E isto irá cunha escarola e con granada, cunha ensalada de inverno e para darlle un toque diferente, a algo que non estamos acostumados, levará un aliño de iogur”.

E, como broche unha triple sobremesa. “Este foi o prato que máis nos custou”, confesa Noelia Fernández. “Imos a facer un postre que leva queixo e mencía, coa idea de aproveitar eses queixos que nos poden sobrer os día 24 e 25. Leva tres queixos galegos con diferentes elaboracións. Así, por unha banda, haberá unha mousse de queixo azul Savel de Chantada, logo unha escuma de queixo de Arzúa e, finalmente, un cremoso selificado de queixo San Simón”, adianta Noelia Fernández Rei. Tres suxerencias culinarias que irán acompañadas dun biscoito de mencía de Valdeorras.

Xa, como broche, “nas bandexas que poñemos ao centro haberá uns poucos de froitos secos, pois imos facer uns conchos ou unhas noces garrapiñadas para acompañar ese postre”, engade esta profesional.

En definitiva, este showcooking rende homenaxe á cociña galega, pero con enxeño e un esforzo de elaboración, e bota man de produtos valdeorreses e galegos. E así o poderán comprobar os asistentes a este showcooking, cun prezo de 10 euros e con prazas limitadas.

 

Back to top button