O Festival Internacional Rebulir 2025 pechábase na noite do sábado 20 de decembro coa celebración da gala de clausura, evento grande do programa, no polideportivo de O Picouto no Concello de Ramirás, onde máis de 700 persoas se deron cita para desfrutar das diferentes culturas internacionais, nacionais e autonómicas nunha unión artística que cumpriu a súa 20ª edición.
Baixo o nome de Cé Orquestra Pantasma, o vigués César Freiría, era o fío condutor dunha celebración versátil na que converxeron música, cultura, danza, emocións e o reparto dos XIV Premios Rebulir da Cultura Galega.
O primeiro premio foi para Malvela que recolleu o galardón na categoría de “Música Galega”, das mans do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. O grupo galego agradeceu o premio defendendo a “cultura e a lingua galega, que é a máis bonita e que a queremos tanto”. Para deleite dos asistentes, o grupo galego de cantigas populares fixo unha demostración do seu compromiso coa música tradicional co seu himno “Pirim Pin Pin”, ao que o público se uniu entregado.
O segundo premio, na categoría de “Artes Escénicas”, foi para a actriz lucense Cristina Castaño, que non puido acudir a celebración e no seu nome recolleu o premio Marita Castaño, a súa nai, das mans dos presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. Nun vídeo a actriz agradeceu o recoñecemento e exaltou a labor que se fai dende o rural e para o rural dende o Grupo Rebulir pola cultura galega.

Anxo M. Lorenzo, Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, entregou ao Programa Luar da Corporación de Servicios Audiovisuais de Galicia (CSAG, antiga CRTVG) o “Premio Homenaxe”. O icónico presentador Xosé Ramón Gayoso non puido acudir a gala, pero deixou un agradecemento audiovisual en nome da produción e a dirección do programa televisivo cunha mención especial ao grupo Rebulir e a súa “investigación, conservación e divulgación da cultura e da identidade galega”.
Unha das novidades da 20ª edición da gala e dos XIV Premios Rebulir, foi a creación do Premio “Rogelio García Yáñez”, para destacar a labor dos emigrantes con selo oriúndo de Ramirás, xa que o nome que leva o galardón representa a un emigrante local que marchou e volveu para investir no seu lugar natal. O galardón foi entregado polo Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez, e recolleuno Mónica Calvo, en representación da Emigración Galega en Euskadi.
Os premios recoñeceron a labor, o talento, a transmisión da cultura galega e a traxectoria profesional, namentres a programación artística exemplificaba as potencialidades que ten o rural como dinamizador cultural, artístico, económico e turístico cunha cita que visibilizaba a súa identidade cun selo propio, “Feito no rural”. Un feito que se consolidou e que cada edición supera as súas propias expectativas facendo do rural ourensán e do Concello de Ramirás un foco internacional da unión de diferentes culturas como escenario visible da interculturalidade.
Precisamente, durante a gala participaron 12 compañías culturais das que tres eran internacionais, tres nacionais e seis autonómicas. Concretamente, sobre o escenario de O Picouto fixeron as súas representacións artísticas o Grupo Ballet Quitus do Ecuador, o Grupo Etnográfico Vila Praia de Áncora de Portugal e tamén o Grupo Ballet Mboolo Mooye Doole do Senegal. Todos eles cun gran espectáculo de cores e sons coa exaltación dos seus bailes e tamén da súa música.

Por outra banda, tamén actuaron o Grupo Danzas de Logroño (La Rioja), o Grupo Danzas Virgen de las Nieves (Cantabria) e o grupo asturiano Banda de Gaites Villa y Condáu de Noreña.
Mención especial foi a comuñón co público asistente do grupo local Rebulir que interpretou a Xota de Ordes, a Xota e Muiñeira do Piornedo e a Muiñeira dos Nenos, esta última, fixo que o público asistente se comprometera aínda máis cas novas xeracións con aplausos e moitos ánimos vendo o legado e a herdanza do Rebulir se transmite de xeración en xeración. Precisamente con ese afán de agradecemento e agarimo, a familia da agrupación Rebulir quixo facer un particular homenaxe as tres persoas que iniciaron de forma colectiva un proxecto tan identitario dende o rural de Ramirás. Alexandre, Susana e Sandra recibiron,de todos e todas as participantes da entidade cultural un ramo de flores, cada un polo seu compromiso coa cultura galega, polo seu esforzo na preservación da identidade galega, polo seu talento na investigación no eido cultural, pola súa tenacidade cun proxecto que naceu dende a dinamización do rural e polo fomento do patrimonio inmaterial que é a música e o baile.