
O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos Montanet, vén de facer público, con data 24 de decembro de 2025, tras comunicarlle o Cabildo Catedralicio os resultados das eleccións levadas a cabo uns días antes, o nomeamento de José Ángel Feijóo Mirón como Deán-Presidente do Cabildo de la Igrexa Catedral-Basílica de San Martiño, cargo no que sucede a José Pérez Domínguez ao cumprir o período máximo como Deán de acordo cos Estatutos. José Ángel Feijóo tomará posesión como Deán o sábado 28 de febreiro de 2026. Pola toma de posesión adquire os dereitos e contrae as obrigacións anexas ao oficio (Est. 8).
Monseñor Lemos Montanet asinaba tamén o nomeamento de José Joaquín Borrajo Iglesias como Vicepresidente do Cabildo, José Seijo González como Cóengo Secretario Capitular e Isaac Pereiro como Cóengo Fabriquero.
José Ángel Feijóo Mirón (Os Peares – Ourense, 1960), cursou estudos no Seminario Menor desde o ano 1969, pasando despois ao Seminario Maior e sendo ordenado diácono no ano 1983. Foi ordenado sacerdote no ano 1984. Licenciado en Filosofía, especialidade Historia da Filosofía, pola Pontificia Universidade Gregoriana de Roma, licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade Pontificia de Salamanca, e licenciado en Filoloxía Hispánica pola UNED.
Delegado de Mocidade ata o ano 1996, e párroco de San Miguel de Canedo entre 1995 e 2007, é profesor do Seminario desde 1987. Foi Vicario moderador da Curia entre 2006 e 2007 e é Reitor do Seminario Maior desde o ano 2007. Foi Delegado de Cáritas entre 1999 e 2006, e novamente Delegado e Director de Cáritas desde 2012. Actualmente é párroco de Santa Eufemia a Real do Centro e, desde o ano 2024, Vigairo episcopal para o servizo do Desenvolvemento Humano Integral, que engloba a actividade caritativa e social.