CulturaCulturaÚltima hora

Falece o escritor barquense José María Pérez Álvarez “Chesi”

 

Facíase coñecido como autor por “Nembrot” (2002), unha obra que Juan Goytisolo consideraba como a mellor novela española do ano en The Times Literary Supplement. Despois virían libros como Cabo de Hornos (2005), La soledad de las vocales (2008), El disfraz (2011), Tela de araña (2012), El arte del puzle (2019) ou Los años borrosos (2021) ou La última patria (2023). Pero tamén contos, artigos, ensaios, colaboracións en medios de comunicación, dirección dunha editorial, divulgador cultural…

Unha longa produción e andaina literaria do barquense José María Pérez Álvarez “Chesi”, que sempre se mantivo fóra do foco dos medios, pero que foi moi recoñecida pola crítica. E con La soledad de las vocales lograba facerse co III Premio Bruguera de Novela.

Doutra das súas novelas, Examen final, dicía no 2014 o mesmo Juan Goytisolo nun dos seus artigos: “fuxindo de toda facilidade e da sumisión ao modelo imposto polo omnímodo deus Mecado, José María Pérez Álvarez verte nas páxinas do libro o seu pesimismo cósmico, a súa renuncia a toda autocompaixón ou complicidade. O seu ritmo narrativo dirixido a un lector activo e dotado dun oído musical, a un lector non condescendente coas expectativas creadas polo esquema novelesco “normal”, acompaña dende o principio ao fin da obra coa súa prosodia abrupta e vigorosa forza subversiva”.

Este autor valdeorrés, considerado un dos grandes autores contemporáneos galegos, falecía na madrugada deste 24 de decembro aos 73 anos en Ourense.

Back to top button