A RúaConcellosÚltima hora

Santo Estevo volve saír en procesión pola Rúa Vella 70 anos despois

 

Na mañá deste venres 26 de decembro a parroquia ruesa de Santo Estevo recuperaba a procesión do seu patrón, Santo Estevo, unha tradición que levaba máis de 70 anos sen celebrarse.

O acto comezaba arredor das 12:30 horas desta fría pero soleada mañá, coa imaxe levada a ombros por catro homes, seguida polos sacerdotes e os fegreses, nun percorrido amenizado por un grupo de gaitas de Abertal ata a praza César Conti onde daba a volta de regreso á igrexa parroquial onde tiña lugar a eucaristía cantada polo coro da Rúa Vella.

 

 

Tal como explican dende a parroquia, non se trata da imaxe do santo que preside o retablo da igrexa, senón dun Santo Estevo procesional que se conservaba na casa parroquial. “Debido ao notable deterioro que presentaba a imaxe, a parroquia decidiu acometer a súa restauración e, ao mesmo tempo, recuperar a procesión, como xesto de posta en valor do patrimonio relixioso e devocional da parroquia”, explica, indicando que a imaxe foi restaurada polo taller especializado RestaurArt, devolvéndolle o seu policromía orixinal e a súa dignidade artística, permitindo así que volva a procesionar con seguridade e respecto.

 

 

Como colofón festivo á xornada, a Asociación Sabugueiro ofrecerá a partir das 17 horas unha chocolatada no atrio da igrexa, aberta a todos os veciños e visitantes, para celebrar conxuntamente a festividade de Santo Estevo.

Belén parroquial

A xente (veciños e visitantes) que durante o Nadal se acheguen ata a igrexa de Santo Estevo, na Rúa, poderán aproveitar para ver e desfrutar do fermoso e detallista nacemento que un ano máis instalou a parroquia nun lateral do templo.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button