
AMAVA (Asociación de Música Alternativa Valdeorras) fundábase en abril de 2010 no Barco de Valdeorras por mozos da localidade, co obxectivo de “promover a cultura musical na comarca de Valdeorras, proporcionar axuda e formación ás persoas que demostren interese musical e organizar e participar en actividades culturais e musicais. “Durante os nosos 15 anos de historia que celebramos neste 2025 organizamos todo tipo de eventos nos que tratamos de impulsar a escena local, ademais de xestionar o espazo á nosa disposición no estadio municipal de Calabagueiros”, explica o seu presidente Ramón Teira, asegurando que seguen ampliando o número de socios atraídos pola oferta do local de ensaio, os eventos organizados e, sobre todo, o bo ambiente.

Uns van… e outros veñen. Neste 2025 que hoxe remata contaron cunha decena de grupos formados, ademais de numerosos socios que tocan e cantan individualmente ou que realizan colaboracións con outros grupos.
Derron 56 concertos en diferentes localidades da provincia e mesmo noutras comunidades autónomas e os asociados participaron en eventos como o SilFest Valdeorras, O Terrasón no Barco, a entrega de premios
da Cata de Viños de Valdeorras e da Lousa, así como nas Festas do Cristo do Barco. “Tamén puxemos o noso toque no Día da Muller, na Festa do Botelo e na Festa do Codillo da Rúa; e continuouse celebrando a Jam Session mensual, aberta á participación de calquera músico pertencente -ou non- a AMAVA, para continuar fomentando a música na nosa comarca”, resume Teira, engadindo cursos de guitarra -como o ofrecido por Víctor de Andrés, guitarrista de Mago de Oz-, masterclass de batería e clases especiais de iniciación e mellora deste último instrumento a cargo de Fabio VZ. “Algúns dos grupos gravaron cancións compostas por eles mesmos para un disco en proxecto pola nosa asociación. Pasarán pola experiencia de gravar nun estudo e obterán finalmente as súas cancións en versión dixital”, apostando pola diversión e a aprendizaxe.

“Custábanos crer que chegariamos tan lonxe, pero o certo é que o conseguimos”, di Moncho, asegurando que están orgullosos de todos aqueles que se esforzan co seu instrumento, que colaboran en cada evento conformando a familia de AMAVA, que apoian este proxecto e que os recomendan alá onde van. “Estamos orgullosos de que os máis pequenos se sintan interesados pola música e a dessfruten connosco. E tamén estamos orgullosos dos pais que apoian aos máis novos, e daqueles veteranos que tiran do carro para que
todo isto funcione. É un gran esforzo pola súa banda, de forma altruísta, que só eles saben o que custa en ocasións. Mil grazas por un ano máis de éxito”, di.

Malia que o lembran en cada concerto, o presidente de AMAVA recoñece que están moi agradecidos “con aqueles que nos apoian cada ano contando connosco para amenizar festas, entregas de premios ou outros eventos. É obvio que non poderiamos realizar nada disto sen eles. Esperamos estar á altura neste
2026 e grazas por apoiar o talento local”, di adiantando que se lles presenta un ano no que non só queren seguir levando a cabo as súas actividades, senón “seguir crecendo e seguir sendo o altofalante ao que ducias de músicos da comarca poden enchufar os seus micrófonos”.

Fotos cedidas.