PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Valdeorras pide recuperar as gardas nas farmacias da Rúa nas fins de semana

Representantes desta formación na comarca denunciaban a perda deste servizo en rolda de prensa e anunciaban a presentación de moción nos concellos e dunha iniciativa no Parlamento galego

 

Dende o 1 de xaneiro deste ano as farmacias da Rúa non abren nin o sábado pola tarde nin os domingos. Así o sinalaban representantes do PSdeG-PSOE de Valdeorras esta mañá, nunha rolda de prensa na que denunciaban a perda deste servizo nunha parte do rural da comarca e tamén anunciaban que se presentarán mocións nos concellos para pedir que se reverta esta situación e unha iniciativa no Parlamento de Galicia a través do grupo socialista.

“Por se fora pouco a situación que temos na sanidade a nivel de centros de saúde e de hospital en Valdeorras, pois agora engadíusenos o recorte das gardas farmacéuticas en fins de semana na Rúa. A partir do 1 de xaneiro esas gardas en fin de semana dende o sábado ás 14h. ata o luns ás 9h. cando abren pasan a depender exclusivamente do Barco. Calquera usuario que teña necesidade de adquirir ou de recoller algunha medicina que teña unha urxencia ou simplemente que necesite comprar un simplemente anticatarral debe vir ao Barco porque esas gardas desapareceron”, dicía Aurentino Alonso, coordinador comarcal do PSdeG-PSOE de Valdeorras.

Xunto el o socialista rues Luis Fernández Gudiña, incidía en que se trata dunha “merma no que é o servizo de atención aos veciños por parte das farmacias, hai un cambio de horario. Ata agora entre elas se repartían as fins de semana e abrían de sábados e domingos. Iso dende o 1 de xaneiro desapareceu e traballan de luns a venres e despois os sábados ata as 14h. E se calquera veciño da Rúa necesita algún tipo de medicación ten que desprazarse ao Barco. Nós temos localidades arredor da vila nas que non se cumpriría a propia norma do decreto que establece a Xunta que indica que non pode haber unha distancia superior a 15 km ou 15 minutos, sen que haxa un servizo de atención ao cidadán polas farmacias”.

Para Fernández Gudiña esta é unha situación “socialmente inxusta e incluso entendemos que legalmente nula, xa que vulnera os criterios mínimos establecidos no citado decreto 2028/22  do 22 de decembro. E neste caso vemos que non se dá en moitos sitios. Agora se un veciño de Larouco necesita un medicamento ten que vir ao Barco, pois supéranse eses límites ou mesmo con algunhas aldeas do Bolo, de Petín ou da propia Rúa, entón incúmprese o criterio que o decreto establece. E iso é o que queremos denunciar e tamén ver a forma de reverter esa situación para que se siga cumprindo o que rexe e o que establece o decreto”.

Nesa cuestión incidía a concelleira socialista da Rúa, Ana Vizcaya, indicando ademais que tamén se perde o servizos de consulta e asesoramento ante unha situación de urxencia. “O farmacéutico podía axudarche en certas circunstancias e orientarte, mesmo evitaba ter que vir ao PAC ou a Urxencias para algunhas cousas, e iso é un servizo que se perdeu, o que implica que igual imos todos a urxencias por pequeneces cando isto antes se solucionaban na farmacia”.

 

 

Tamén o tenente de alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, referíase á perda de sevizos que “temos máis próximos ao rural e máis en cuestións de saúde ou dunha urxencia”.

Neste senso, Fernández Gudiña anunciaba que a idea do partido socialista é levar mocións “onde se poña sobre a mesa esta situación”, mentres que Aurentino Alonso avanzaba que o grupo parlamentario socialista vai presentar unha iniciativa na Cámara galega, e a deputada provincial Sherezade Núñez e tenente de alcalde de Vilamartín, propoñía tamén “facer unha petición formal ao Colexio de Farmacéuticos de Ourense pedíndolles que fagan un estudo da singularidade do terreo de Valdeorras e que nos apliquen algún tipo de excepción no tema dos horarios por mor desta quilometraxe á que se ten que someter agora nas fins de semana unha poboación que maiormente é envellecida e que ademais conta cunhas infraestruturas e cunhas vías de comunicación que están totalmente en precario. Entón debido a esa singularidade, penso que poderían facer algún tipo de plan especial para Valdeorras e temos que enfocarnos niso”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button