Na mañá deste venres 9 de xaneiro inaugurábase un novo punto de información ao peregrino do Camiño de Inverno en Fontei, na antiga capela de Santo André. Os seus propietarios, a familia de Ángel Rodríguez (Adega Quinta da Peza), cedían esta edificación con séculos de historia á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras que grazas á financiación de Turismo de Galicia lograba unha nova sede e un lugar de encontro e acollida para os peregrinos.

“Esta era a casa do meu pai, Germán, e unha das referencias que xa no seu momento fixemos na adega que temos en Fontei, da nosa garnacha é a Capela de O Santo, como sempre foi coñecido este edificio situado no barrio de nome homónimo”, explica Ángel, destacando que se trata dunha pequena homenaxe ás orixes.
“Unicamente facemos 600-700 botellas ao ano de garnacha tintureira e hoxe trouxemos unha mostra para inaugurar este edificio, que será sen dúbida moi interesante para todos. É a nosa forma de colaborar”, dixo, ás portas do local.


O broche á inauguración era precisamente un brinde con este viño, acompañado por bica.
Fotos: Carlos G. Hervella.