
Un ano máis o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, situado no castro de San Cibrao de Las, de San Amaro, fai balance das descubertas en escavacións realizadas no pasado ano no conxunto de Galicia e, froito diso vén de publicar nas súas redes sociais o ranking dos “10 Achados arqueolóxicos Top en Galicia durante 2025″. Entre eles figuran, no posto 6 o primeiro trilobite confirmado de época romana no Castro de Armea (Allariz) e no posto 7 o complexo residencial que saía á luz o pasado verán no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras).
A continuación aparece a clasificación completa dos achádegos datos e imaxes achegadas dende o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.
1- Achan varias fosas de cremación no castro de Viladonga, Castro de Rei, Lugo. Durante os traballos de limpeza e consolidación atopouse baixo o pavimento dunha vivenda da croa varias fosas escavadas na rocha, sinalizadas en superficie cunha estela con cazoleta. Neste contexto doméstico de cremación, ao escavar unha delas apareceron fragmentos óseos, restos de carbóns, elos de bronce, cerámicas feitas a man típicas da Segunda Idade do ferro, varios elementos líticos, entre eles un canto rodado de forma fálica, escouras de ferro, unha fusaiola, unha doa oculada e unha moeda (as) da caetra, a primeira localizada neste castro da Terra Chá lucense. A falta de análises e do estudo pormenorizado dos materiais, todo indica a posibles enterramentos infantís no interior das cabanas, fosas funerarias e rituais nun contexto de transición entre a Idade do Ferro e a chegada de Roma. De confirmarse esta hipótese, o achado sería dunha gran relevancia para a Idade do ferro galega, pois resolvería en parte o gran misterio da morte e as prácticas funerarias nos castros.

2- Descobren unha xanela prerrománica na igrexa de Esperante, Lugo. Trátase dunha xanela única, que podería ser a máis antiga da súa tipoloxía en Galicia. A ventá está construída no máis puro estilo prerromanico, con tres ocos formados por arcos de medio punto sobre columnas, onde o arco central é lixeiramente máis grande que os laterais, do mesmo xeito que no prerrománico asturiano. A fiestra trilobulada presenta ademais a curiosidade de que foi construída con catro columnas romanas de mármore de estilo corintio, reaproveitadas dunha posíbel vila anterior, polo que é moi probable que as columnas da fiestra sexan do século VI, e a ábsida no que está embutida, entre os séculos VIII e X. Achados como o de Esperante, e outros máis da nosa terra, amosan que a Gallaecia foi un territorio central na transformación do mundo romano ao medieval.

3- Sae á luz unha piscina romana de gran tamaño no balneario de Lugo. Na campaña arqueolóxica escaváronse 150 metros cadrados dunha instalación, xa localizada nos anos 90, que mide uns 15 metros de lonxitude e máis de 10 metros de ancho. A intervención recuperou tamén unha gran variedade de pezas nun excepcional estado de conservación, grazas a que a piscina ficou selada ata os noso días dende o seu abandono; aras votivas intencionalmente destruídas, numerosa cerámica, moedas, armas ou materiais orgánicos como unha cabeza enteira de bóvido, castañas, madeiras, sementes ou mostras de calzado. O conxunto, pendente dun estudo detallado, parece ter unha cronoloxía ampla, entre os séculos I e V da nosa era.

4- Atopan o segundo fogar do Paleolítico medio galego en Cova Eirós, Triacastela, Lugo. Este novo fogar, a diferenza do descuberto no 2011, ten unha estrutura de cantos de cuarcita e xisto moi alterados polo lume. Descubríronse tamén ósos e moitos carbóns ao redor do fogar, que ben puideran ser de animais que foron cociñados ou ósos queimados como combustible ou lixo para a fogueira. Na campaña deste ano acháronse ademais máis dun millar de pezas, ferramentas líticas en cuarzo e cuarcita, e restos de fauna como ósos de cérvidos, un molar de rinoceronte ou osos das cavernas. Os restos, que se localizan no nivel 4 do xacemento (Paleolítico Medio), amosan unhas ocupacións longas e reiteradas por parte dos neandertais que moraron nesta gruta lucense.

5- Achan 109 moedas romanas de bronce, posibelmente do século IV, no castro de Castelo dos Mouros, Ons, Pontevedra. A última campaña de escavación deste importante xacemento, emprazado ao sur da illa e próximo ao complexo industrial romano de salga e púrpura do Canexol, permitiu descubrir este importante número de moedas que se suman ás máis de 300 atopadas en anos anteriores. A intervención arqueolóxica tamén obtivo indicios dos niveis máis antigos do xacemento, ao redor do século IV a.C., polo que este lugar estivo ocupado e densamente poboado durante uns novecentos anos, dende os inicios da segunda Idade do Ferro ata o final do Imperio romano no s. V d.C. Como nas anteriores campañas exhumáronse novas vivendas, prerromanas e de época romana, e atopáronse numerosos materiais arqueolóxicos; obxectos de ferro e bronce, ósos de animais e conchas, cerámica común e fina e ánforas procedentes do sur da Península ibérica, Italia e Turquía, que revelan que Ons estivo durante moito tempo no centro dunha gran dinámica comercial.

6- Encontran o primeiro trilobite confirmado da época romana na Cibdá de Armea, Allariz, Ourense. O achado fíxose na campaña do 2021, nunha estancia empregada como basureiro das vivendas romanas, aínda que se publicou recentemente. En función do contexto arqueolóxico do achado e outros materiais atopados ao carón, como unha moeda de Octavio Augusto, os investigadores consideran que o uso do fósil debeu corresponder aos séculos I e II d.C. A investigación apunta a que procedería da área do Sistema Central ou do sistema ibérico, a uns 500 quilómetros do xacemento ourensán. O exame en detalle do fósil revela que orixinalmente foi encaixado nalgún tipo de soporte como un brazalete de coiro ou un colgante a modo de amuleto protector. Puido ser parte dun santuario familiar, funcionando como ofrenda votiva ou obxecto protector para o fogar e a familia, ou ben empregado para ser levado por unha persoa da familia.

7- Localizan un complexo residencial no Castelo de Valencia do Sil, Vilamartín de Valdeorras. A nova campaña de escavacións revelou a existencia dun gran complexo datado entre os séculos IV e VI d.C., que ocupa cando menos uns 200 metros cadrados e que está dividido en diferentes estancias. Este edificio podería pertencer ás elites rurais que, desde esta fortificación en época tardorromana, controlaban a explotación e produción de metais que abastecía ás poboacións da contorna nun momento de expansión económica nesta bisbarra de Valdeorras. Así, atopáronse materiais arqueolóxicos que apuntan a un uso residencial de familias de alto poder adquisitivo, como moedas, pesas de tear ou cerámicas de luxo.

8- Descobren un importante conxunto de petróglifos en Vimianzo, A Coruña. Atopáronse no monte do lugar Trasouteiro, a tan só 43 metros doutro panel atopado no 2019, Somentemío 1, que contén o círculo concéntrico de maior diámetro da Costa da Morte. Os novos gravados, Somentemío 2, están distribuídos en nove paneis cun gran repertorio de motivos iconográficos propios do Grupo Galaico da Arte Atlántica, xeométricos ou circulares con coviñas e aneis, ademais dunha espiral inscrita nun anel que é unha das poucas existentes nesta zona. Polos análises dos investigadores a súa cronoloxía é duns 4.500 anos. O estado de conservación da maioría dos petróglifos é bo, a pesar da mala calidade do soporte, aínda que os motivos situados na parte central superior están máis erosionados que os localizados na parte inferior ou no centro.

9- Achan os restos dos guerrilleiros de “Foucellas” asasinados en Teo, A Coruña, en 1948. Un equipo multidisciplinar atopou nunha fosa común no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou, o que “todo indica” que son os restos dos catro membros da V Agrupación Guerrilleira, asasinados nun enfrontamento coa Garda Civil en 1948. Os investigadores cren que nesta fosa foron inhumados Ricardo Fernández Carlés, natural de Pontecesures; Florentino Menéndez Palacios, de Peñarrubia (Sama de Langreo); Manuel Agrasar Cajaraville, o “Barbarroxa”, da Matanza (Iria Flavia, Padrón); e Vicente López Novo, co alcume de “el hijo de la Nova”, natural de Santa Uxía de Ribeira. Todos eles pertencentes a unha partida guerrilleira comandada polo mítico Benigno Andrade, ‘O Foucellas’. El, xunto con outro guerrilleiro, Xosé Ramuñán, conseguiron fuxir do cerco que lles fixera un nutrido grupo de gardas civís.

10- Atopan un canón de bronce duns 50 centímetros de lonxitude na zona de Punta Sardiñeiro, Fisterra, A Coruña. Segundo as primeiras hipóteses formuladas polos especialistas, o obxecto e outros restos localizados a uns catro metros de profundidade, poderían corresponderse cun dos naufraxios históricos da zona: o do galeón ‘Santa María la Anunciada’, pertencente á frota de Padilla, afundida fronte á costa de Fisterra no ano 1596.
Fotos cedidas.