
Dende a Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande, en Cartelle, comezan o ano, ademais de preparando o Entroido, cunha viaxe que nos fai sentir moi orgullosos: a presenza do noso Entroido no Festival de Surva, en Bulgaria, que terá lugar en dous fins de semana: o do 17 e o do 24 de xaneiro. As Bonitas estarán presentes nesta primeira fin de semana e, sendo o único Entroido convidado en representación de España, serán agasallados cunha cea de benvida no edificio do concello búlgaro coas autoridades asistentes. Momento no que tamén exporán as características do Entroido de Sande, galego e tamén de Galicia en xeral: desde o patrimonio a natureza, pasando pola lingua e os Camiños de Santiago.
Destacar que o Festival de Surva celebrase anualmente a finais de xaneiro na cidade de Pernik, a poucos quilómetros da capital búlgara, Sofía, e foi declarado no 2015 Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.
Trátase dun convite que chegou a Asociación do Entroido As Bonitas de Sande e para nós é unha gran satisfacción, non só ser convidadas a asistir a devandito festival -considerado a “Champions” dos festivais de máscaras- senón tamén por ser capaces de facer fronte a unha viaxe desde a nosa humildade. O Entroido de Sande non deixa de ser un Entroido que se celebra nunha parroquia concreta dun concello, Cartelle. Más alá das nosa fronteira invisible, o noso Entroido non se festexa no resto do municipio.
Ata Bulgaria viaxará un grupo de 17 persoas levando, ademais do traxe das Bonitas, o Oso, a Vaca, o Chamán e a nosa música tradicional. Unha representación non só do Entroido de Sande, senón do Entroido ourensán, xa que é a primeira e única máscara da provincia que viaxa ata Bulgaria. A nivel nacional somos o único Entroido convidado oficialmente (participa Samede, A Coruña, de forma libre). Do veciño país luso viaxará unha das súas máscaras.

“A ilusión coa que afrontamos esta viaxe non se queda nas persoas que van participar, senón de todos os que formamos parte da Asociación e, por suposto, da parroquia. Unha ilusión que nos gustaría contaxiar ao resto do concello, da provincia e tamén de Galicia. O Entroido é moito máis que unha festa: é cultura, é tradición, é música, é patrimonio, é lingua…”, din dende a Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande (Cartelle).
Así mesmo indican que “Ourense, unha provincia que sempre presume, con razón, do Entroido como a súa festa máis senlleira, este evento supón tamén será unha oportunidade para ubicar o Entroido ourensán no mapa búlgaro e, por extensión, a toda Galicia e a súa riqueza -desde as festas ata o patrimonio pasando polos Camiños de Santiago ou a nosa lingua- dos balcáns e toda Europa”.
E conclúen indicando que “non podemos menos que agradecer o apoio atopado no Inorde de Ourense e na consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta para poder levar a cabo esta viaxe que tamén marcará un fito como foco de atracción turística, dende a máxima humilde comparación, con entroidos tan renomeados como Xinzo, Verín, Laza, Viana ou Vilariño. Hai que lembrar que o pasado ano o Entroido galego foi declarado Ben de Interese Cultural, BIC”.
Fotos cedidas pola Asociación Cultural Entroido As Bonitas de Sande.