
De “espectaculares” cualifica o Concello de Quiroga os datos do 2025 en canto ao turismo no municipio, despois de facer balance das visitas recibidas durante o pasado ano, cun incremento de todas as estatísticas turísticas. Dúas premisas destacan dentro destes recontos. O incremento dun milleiro de visitantes no Museo Etnográfico con respecto do ano anterior. E o posicionamento do mes de outubro como o de más visitas tras xullo e agosto, o que fai que o espectacular outono nas montañas quiroguesas e no Xeoparque Montañas do Courel, sexa un importante reclamo para os visitantes.
En canto aos datos dos museos aumentan as visitas anuais a estas instalacións, destacando especialmente as do Museo Etnográfico que pasa de 2.873 no ano 2024 a 3.794, no 2025; practicamente un milleiro máis de visitantes. No cómputo anual de visitas aos museos roldáronse as 7.500; e si facemos o cómputo dende a súa apertura -o Etnográfico no 2007 e o Xeolóxico no 2011-, sobrepasan longamente ás 71.000 visitas.
Tamén o Centro de Interpretación da Música de Raíz da Fundación Legar rexistrou sobre 2.000 visitas no seu primeiro ano de funcionamento.
Os museos Etnográfico e Xeolóxico levan o seu propio rexistro de entradas, ao igual que a Oficina de Turismo, que detalla ademais a procedencia das persoas que nos visitan. Das preto de 5.000 persoas que se achegaron demandando información nesta oficina ao longo do pasado ano, a maioría procedía da nosa Comunidade Autónoma, pero tamén ocuparon un lugar destacado as procedentes de Madrid, Barcelona, Valencia e Euskadi e en menor medida de Asturias, Cantabria e de fora de España. En canto á información que demandan destaca a información en xeral, pero máis especificamente a natureza, rutas e sendeirismo e o Camiño de Inverno son os temas polos que máis se interesan os visitantes.
“Pero máis importantes que estes cómputos para achegarse á realidade dos datos de turismo do municipio de Quiroga, son os datos que obtén o Instituto Nacional de Estatística (INE) de medir o turismo interno interprovincial a partir da posición dos teléfonos móbiles. Non todas as persoas que se achegan a Quiroga visitan os seus museos nin acoden á Oficina de Turismo, pero a práctica totalidade levan o seu teléfono móbil, e de aí é de onde se obtén a cifra de 31.050 persoas que estiveron en Quiroga dende xaneiro a setembro do 2025”, segundo o Concello, engadindo que “curiosamente, nestes máis de trinta milleiros de visitantes, non están incluídos os datos do derradeiro trimestre do ano, que aínda non se fixeron públicos. Baseándose en datos dos museos e da Oficina de Turismo, en que o mes de outubro recibe tantas visitas como nos mellores meses de verán, non é desproporcionado fixar que se vai sobrepasar amplamente a cifra de 41.508 persoas que se achegaron ata Quiroga no 2024”.
Con estas cifras pódese afirmar que cunha poboación de 3.000 habitantes, “Quiroga está de moda” como concello do interior de Galicia, asegura o Concello. “Como porta de entrada á Ribeira Sacra, formando parte do Xeoparque Montañas do Courel, incluído no Camiño de Inverno a Santiago (con 2.758 peregrinos contabilizados pola Oficina do Peregrino durante o pasado ano), con festas de Interese Turístico, rutas adaptadas a todos os camiñantes (oito delas homologadas), e citas culturais, gastronómicas e deportivas que reúnen a milleiros de persoas; sen esquecer o seu pasado ligado ao nacemento de Galicia, aos romanos e a Encomenda de San Xoán de Xerusalén; ten todos os ingredientes para estar de moda”.
E de todo o que se ofrece son coñecedores todos estes visitantes, pero tamén as persoas que se achegan a través da internet e das redes sociais. A páxina web do Concello de Quiroga recibiu durante o 2025, 57.623 visitas, o Facebook do Xeoparque Montañas do Courel recibiu máis dun millón e o Facebook propio do Concello de Quiroga contabilizou preto de tres millóns de visualizacións (2.906.227).
Ante estes datos as áreas de Cultura e Turismo, cos seus responsables, José Luis Rivera e Vicente Parra respectivamente, amosaron a súa satisfacción ante este avance positivo en canto ao número de visitantes no municipio e afirman que dende o Concello de Quiroga seguirase traballando para potenciar os recursos dos que se dispón e achegalos ao maior número de posibles visitantes.