EconomíaEconomíaÚltima hora

Visita da conselleira do Medio Rural ás instalacións de Alma Meiga (Castrelo de Miño) para a produción de aceite

 

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou hoxe, na súa visita ás instalacións de Alma Meiga para a elaboración de aceite en Castrelo de Miño, as oportunidades de desenvolvemento que ten o sector olivícola dentro da nosa comunidade. Salientou que en Galicia “sobresae principalmente a produción de aceite de oliva virxe extra caracterizado principalmente pola súa calidade asociada ás variedades locais e autóctonas, así como ao valor patrimonial da súa colleita”.

Por iso, desde a Consellería do Medio Rural “estase a traballar para favorecer o desenvolvemento das oliveiras autóctonas e, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participa en dúas iniciativas encamiñada a avanzar nesta liña”, indicou a conselleira adiantando que “este mesmo ano vaise iniciar a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, situada en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e tamén para continuar estudándoas”.

 

 

En total empregaranse catro destas variedades autóctonas. Neste senso, todas as accións que se están a levar a cabo, xunto con outras necesarias, van encamiñadas á creación dunha indicación xeográfica protexida específica para o aceite galego.

Por outra banda, María José Gómez incidiu na importancia do traballo levado a cabo pola Xunta e o seu compromiso na posta en valor da Galicia Calidade que representan os produtos agroalimentarios que se elaboran na nosa comunidade. Neste sentido, animou aos consumidores a “apostar” á súa vez pola calidade agroalimentaria galega nos lineais dos supermercados, o que contribúe fomentar un consumo de proximidade e sostible.

 

 

Produción na comarca do Ribeiro

Alma Meiga púxose en marcha hai sete anos agrupando a propietarios de terreos destinados ao cultivo de oliveira, co obxecto de elaborar o seu propio aceite. A maiores, tamén brinda apoio a outros produtores da comarca do Ribeiro.

As súas elaboracións caracterízanse pola calidade e a aposta polas prácticas sustentables. Anualmente obteñen entre 750 e 800 litros de aceite anualmente, a través dos cales comercializan un monovarietal a base de arbequina e outro no que mesturan as variedades autóctonas de brava e mansa.

Back to top button